Semana da Luz 2025: Celebrando a Candeloria

Este é o terceiro ano que celebramos a Semana da Luz, unha iniciativa que conmemora o Día da Candeloria, o 2 de febreiro. Esta festividade ten as súas raíces en ritos pagáns relacionados coa luz, a fertilidade e os ciclos da natureza. 

A Orixe da Candeloria

Os cultos pagáns romanos e celtas eran parte fundamental desta data. Nas Lupercais romanas, celebrábanse procesións nocturnas con candeas acendidas para honrar o lume, símbolo de protección e fertilidade. En Galicia, esta festividade mesturouse coa tradición popular, destacando o inicio da primavera e da tempada reprodutora das aves, reflexado no refraneiro:

“Pola Candeloria, casan os paxariños e vaise a galiñola.”

“A partir da Candelaria, ningunha ave voa soa.”

O simbolismo desta data tamén aparece na literatura galega. Luís Amado Carballo, no seu poema “A Candeloria”, describe a natureza e as aves como protagonistas dun día que anuncia o renacemento da vida.

Día Mundial das Zonas Húmidas

Desde 1971, o 2 de febreiro tamén se celebra o Día Mundial das Zonas Húmidas, unha data dedicada a destacar a importancia destes ecosistemas, entre os máis degradados do planeta pero imprescindibles para a vida. A protección e conservación das zonas húmidas é clave tanto para as aves que volven nesta época como para o equilibrio ecolóxico global.

Semana da Luz 2025

Este ano, a Semana da Luz centrarase en accións relacionadas coas aves, as zonas húmidas e a luz das estrelas. É unha oportunidade para conectar coa natureza, celebrar a chegada da primavera e reflexionar sobre a necesidade de coidar o noso Patrimonio Natural e Cultural.

En todas as accións as prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. Lembrade inscribirvos a través do formulario diferente para cada acción.

Todo o recadado nestas accións destinarase á Custodia do Territorio e á Defensa Ambiental a través do Proxecto Vixías. Con esta iniciativa queremos seguir loitando con máis forza para protexer os nosos espazos naturais e a biodiversidade das constantes perturbacións ás que se ven sometidos.

Venres, 31 de xaneiro do 2025

Revisión de Caixas niño no Parque Rosalía Mera

Faremos unha acción de Obradoiro Ambiental de revisión de Caixas niño no Parque Rosalía Mera (Oleiros) de 16:30 a 18:30h. Acompañarédesnos para analizar o uso destas estructuras durante o ano pasado polas nosas aves e para deixalas listas para a próxima tempada de cría. 

 

Sábado, 1 de febreiro do 2025

Anelamento científico de aves

Da man do Grupo de Anelamento Hércules faremos unha xornada de anelamento científico de aves no Estuario do Anllóns (Ponteceso) de 9:30 a 12h onde poderemos aprender moito das nosas aves da man de aneladores expertos. 

  •  Socios/as G.N. Hábitat:
    • Nenos (menores de 14 anos): 5€
    • Adultos (maiores de 14 anos): 10€
  • Non socios/as G.N. Hábitat:
    • Nenos (menores de 14 anos): 8€
    • Adultos (maiores de 14 anos): 15€

 

Roteiro da Biodiversidade na Torre de Hércules

Neste Encontro Naturalista pola contorna da Torre de Hércules, de 10:30 a 12h, descubriremos a biodiversidade que agocha este Espazo de Interese Local. Escollimos este enclave tan especial, o faro máis antigo en funcionamento, para incluílo na Semana da Luz, coa celebración do Día da Candeloria, unha data que simboliza a luz.

A Torre de Hércules, coa súa presenza e luz, continúa a día de hoxe protexendo a flora e fauna da súa contorna, ofrecendo un refuxio natural e cultural especial na cidade coruñesa.

Aves e Estrelas

Igual que o ano pasado, temos moitas ganas deste Encontros Naturalistas coa Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e o noso Proxecto Noucho. Así este sábado, 1 de febreiro, en Mabegondo de 17:30 a 21:30h desfrutaremos da fauna nocturna e das estrelas do ceo de inverno.

A xornada é de balde e aberta ao público. Así e todo, para a participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado.

 

Domingo, 2 de febreiro do 2025

Revisión caixas niño de Casa Grande de Xanceda

No ano 2016 colocáronse caixas niño na granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda. Este domingo, de 10:30 a 13:30h, como todos os anos por estas datas, visitámola para revisar e reparar as caixas niño, asegurándonos de que estean listas para a próxima época de cría. 

Esta actividade será exclusiva para as persoas asociadas ao G.N. Hábitat. Será unha oportunidade única para coñecer de preto todo o traballo que a nosa entidade leva realizando nesta granxa, un verdadeiro exemplo de equilibrio entre a gandería e a conservación da biodiversidade.

 

E para rematar a Semana da Luz faremos 2 actividades de Hábitat Protexe:

Aves urbanas polo son

Nesta actividade faremos unha andaina entre o Parque de Santa Margarita ata os Xardíns de Méndez Núñez escoitando as aves urbanas da cidade da Coruña. Aprenderemos a interpretar as sons das nosas aves e das paisaxes sonoras urbanas. A andaina será de 10:30 a 13:30h.

  •  Socios/as G.N. Hábitat: 
    • Nenos/as (menores de 14 anos): 3€
    • Adultos/as (maiores de 14 anos): 5€
  • Non socios/as G.N. Hábitat:
    • Nenos/as (menores de 14 anos): 5€
    • Adultos/as (maiores de 14 anos): 10€

 

Observación de Aves en Pontedeume

E como última actividade, o domingo, de 10:30 a 13:30h,  tamén estaremos nun Hábitat Protexe en Pontedeume na desembocadura do río Eume para celebrar o Día Mundial das Zonas Húmidas, nunha zona que nos gusta porque está entre Coruña e Ferrol.  Aproveitando que a marea estará subindo e achegando as aves cara o paseo de Pontedeume, aprenderemos as curiosidades das aves que alí podemos atopar.

  •  Socios/as G.N. Hábitat: 
    • Nenos/as (menores de 14 anos): 3€
    • Adultos/as (maiores de 14 anos): 5€
  • Non socios/as G.N. Hábitat:
    • Nenos/as (menores de 14 anos): 5€
    • Adultos/as (maiores de 14 anos): 10€

 

Todos os participantes que sexan confirmados vía email, contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Anímate e ven connosco!