O pasado domingo, 22 de decembro, celebrouse a XV edición da maratón ornitolóxica CoruñAves, unha xornada que combinou diversión, aprendizaxe e compromiso coa conservación da biodiversidade no Concello da Coruña. Con 12 equipos participantes e preto de 50 persoas inscritas, esta edición converteuse na máis concorrida ata o momento, reflectindo o crecente interese pola observación de aves e a participación en actividades ao aire libre.

Novidades para un evento máis sostible Como gran novidade deste ano, as bases do evento incluíron unha bonificación polo uso de medios de transporte sostibles. Os equipos que realizaron a actividade a pé recibiron 12 puntos adicionais, mentres que quen participou en bicicleta obtivo 9 puntos e os que empregaron transporte público sumaron 6 puntos extra. Esta iniciativa non só busca reducir o impacto ambiental do evento, senón que tamén fomentou que, edición tras edición, cada vez máis equipos opten por participar dun xeito máis respectuoso co medio ambiente. ¡Un gran paso cara un CoruñAves máis sostible!

Unha competición reñida e emocionante A xornada desenvolveuse nun ambiente de compañeirismo e bo humor, cos equipos cruzándose nos diferentes puntos de observación e compartindo bromas durante o percorrido. Este ano, as mareas marcaron unha orde novidosa nos puntos a visitar, o que engadiu un desafío extra para todos os participantes.

O esforzo colectivo resultou na observación de 74 especies diferentes, amosando unha vez máis a riqueza ornitolóxica da cidade e os seus arredores. A competición estivo máis igualada ca nunca, rematando cun triplo empate entre tres equipos. Finalmente, segundo o apartado 8 das bases, proclamouse gañador o equipo co maior número de especies vistas en total. ¡Un desenlace de infarto!

 

Dende o Grupo Naturalista Hábitat, agradecemos a todos os participantes polo seu entusiasmo, esforzo e compromiso coa natureza. Grazas por facer desta edición un éxito rotundo. ¡Agardámosvos na próxima edición para seguir compartindo a paixón polas aves e por un mundo máis sostible!