Continuamos cunha nova sesión de voluntariado ambiental dentro do noso proxecto “Vixías dos nosos ríos”. Ímonos achegar á fraga do Xarío, en Miño, e imos intentar combater unha das maiores ameazas dos nosos ríos, as especies exóticas invasoras.

Nesta contorna aparecen ata varias especies problemáticas entre elas a Tradeschantia fluminensis, sobre a que centraremos os nosos esforzos. Nunha actividade previa puidemos medir e xeolocalizar varias manchas desta especie, o que nos permite optimizar os nosos esforzos. A presenza destas especies ameaza unha contorna que xa presenta unha serie de afeccións moi importante, pero que inda así ten un bosque de ribeira en bo estado. A presenza de infraestruturas como a autopista, a vía do tren ou a cercanía dun campo de golf, poden ser limitantes para a expansión natural do bosque de ribeira. Mediante a redución da especies exóticas invasoras estamos dandolle unha oportunidade de expandirse e mellorar o seu estado ecosistémico.

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o sábado 26 de outubro do 2024, de 10:30h a 14:00h. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Este voluntariado ambiental encádrase no programa de actividades de “Vixías dos nosos ríos”, un proxecto do Grupo Naturalista Hábitat subvencionado por Augas de Galicia.

Dúbidas e comentarios en vixiasrios@gnhabitat.org639 13 16 88

Agardámoste!