O próximo sábado en horario de mañá faremos unha nova ruta do proxecto “Vixías dos nosos ríos” polo río Barcés entre os Concellos de Abegondo e Carral. A actividade serviranos para facer unha valoración do estado do bosque de ribeira, moi importante para regular a calidade das augas. Lembramos que o río Barcés verte as súas augas ao encoro de Cecebre, de onde bebe a cidade da Coruña. Durante a ruta descubriremos a biodiversidade que alberga este ecosistema fluvial e detectaremos cales son as principais ameazas para a súa conservación. As persoas participantes axudarán a mitigar algúns destes impactos facendo unha medición das manchas de flora exótica invasora e recollendo os residuos que atopemos nas proximidades do río.
A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o sábado 14 de setembro do 2024, de 10:30h a 13:30h. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Esta ruta encádrase no programa de actividades de “Vixías dos nosos ríos”, un proxecto do Grupo Naturalista Hábitat subvencionado por Augas de Galicia.
Dúbidas e comentarios en vixiasrios@gnhabitat.org│981 135 014
Agardámoste!

Leave A Comment