O próximo sábado pola tarde visitaremos o río Eume ao seu paso polos Concellos de Monfero e A Capela, no interior do Parque Natural das Fragas do Eume. Faremos unha ruta pola beira do río, deténdonos para contemplar a súa rica biodiversidade. Un dos obxectivos será facer unha valoración da calidade do bosque de ribeira, parte fundamental do ecosistema fluvial. Outro obxectivo será recoller o lixo que nos atopemos, para deixar o río Eume igual ou mellor de como estaba antes do noso paso. Ademais, aproveitaremos o traxecto para identificar algunhas ameazas que sofre o río, como son as especies exóticas invasoras.

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o sábado 31 de agosto do 2024, de 16:30h a 20:30h. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Esta ruta encádrase no programa de actividades de Vixías dos nosos ríos”, un proxecto do Grupo Naturalista Hábitat subvencionado por Augas de Galicia.

Dúbidas e comentarios en vixiasrios@gnhabitat.org981 135 014

Agardámoste!