Un ano máis, no marco dun novo acordo de colaboración educativa establecido entre o G.N.Hábitat e a Universidade da Coruña, no verán do 2024 estamos a gozar da compañía de Sabela García Tubío, estudante de Grao en Bioloxía na Facultade de Ciencias desta universidade, quen nos ten escollido para facer connosco o seu periodo de prácticas externas. Dende o primeiro momento Sabela incorporouse ao día a día das tarefas que desenvolvemos dende a nosa entidade, co obxectivo de adquirir coñecementos e competencias na xestión de iniciativas dirixidas á divulgación, o estudo e a conservación do noso Patrimonio Natural, colaborando activamente no amplo abano de accións que levamos a cabo. Teremos a sorte de contar con ela ata o vindeiro mes de setembro, aprendendo todo o posible ao seu carón.
Sabela súmase así a unha listaxe de compañeir@s que nestes últimos anos compartiron connosco traballo, ilusión e compromiso ambiental, nas diferentes fórmulas de colaboración que temos establecido dende o G.N.Hábitat con diferentes institucións educativas para a realización de prácticas externas e certificados de profesionalidade tanto en “Interpretación e Educación ambiental”, como en “Control e Protección do medio natural”. Sendo así, mandámoslle tamén dende aquí unha forte aperta e o noso agradecemento a Leticia Álvarez, Antía Bellunghi, Gabriela Casal, Estefanía Montero e Diego Calvo.
Grazas a todos por escollernos! Poder contar con estas colaboracións é un auténtico pracer, e unha magnífica experiencia. Esta será sempre a vosa casa.


Leave A Comment