No Grupo Naturalista Hábitat poñemos en marcha unha nova serie de actividades na natureza baixo o título “Caderno de ilustración naturalista”, unha proposta que combina observación, aprendizaxe e creatividade para achegarnos á biodiversidade que nos rodea.
Ao longo do ano realizaremos diferentes saídas de campo nas que coñeceremos especies de fauna e flora características de distintas épocas e hábitats, guiadas por compañeiros e compañeiras do Grupo Naturalista Hábitat. Durante cada xornada aprenderemos a observar a natureza con calma, identificando as características que fan única cada especie.
Todo ese coñecemento quedará reflectido no noso caderno de campo, onde realizaremos anotacións e ilustracións empregando a acuarela como base, seguindo a tradición dos cadernos naturalistas. Para iso contaremos coa axuda da ilustradora Alicia Pacheco (ALO), que nos acompañará no proceso creativo e nos axudará a captar a esencia das especies que observemos.
Grazas ao seu apoio aprenderemos a plasmar cores, formas e detalles da natureza, construíndo pouco a pouco un caderno persoal, como faría calquera naturalista: un espazo onde gardar observacións, debuxos e curiosidades sobre a biodiversidade.
Temáticas previstas para este ano
- Flora de primavera — 22 de marzo – Aranga – De 10:30 a 13:30h.
- Bolboretas — 25 de abril – O Veral (Lugo) – De 11 a 18h.
- Réptiles — 29 de maio – Feáns (A Coruña) – De 17 a 20h.
- Herbas de San Xoán — 14 de xuño – Carral – De 10:30 a 14h.
- Fauna Nocturna— luns, 20 de xullo, en Cambre, de 21:30h a 00:30h; e mércores, 22 de xullo, en Oleiros, de 10:30 a 13:30h.
- Fauna intermareal — xoves, 13 de agosto, en Bastiagueiro, Oleiros, de 10:30 a 12:30h; e ilustración, de 15:30 a 18:30h.
- Aves – sábado, 5 de setembro, en Cabana de Bergantiños, de 9 a 15h. INSCRICIÓNS ABERTAS!!
SEGUINTES ACTIVIDADES:
Macroinvertebrados acuáticos — setembro
Anfibios — outubro
Fungos — novembro
As datas e horarios concretos de cada actividade anunciaranse con antelación na nosa páxina web e nas redes sociais. Uns días antes de cada xornada abriranse as inscricións, polo que recomendamos estar atentos e atentas ás novidades.
As actividades terán unha duración aproximada de entre 3 e 4 horas, aínda que nalgunha ocasión poderán estenderse ao longo de todo o día.
Os prezos de cada actividade tamén se anunciarán en cada convocatoria, xa que a duración pode variar. Haberá descontos para as persoas socias do G.N. Hábitat e tamén para as persoas participantes en AGUADAS, o taller de ilustración levado a cabo por ALO.
Non é necesario ter experiencia previa en debuxo: abonda con ter curiosidade, ganas de aprender e amor pola natureza. A actividade está dirixida a persoas maiores de 12 anos.
Unha oportunidade perfecta para aprender a observar a natureza doutro xeito, conectar coa biodiversidade e crear o teu propio caderno naturalista.
Preparados e preparadas para debuxar a nosa biodiversidade?


Leave A Comment