Seguimos traballando para mellorar as dunas do Areal de Alba, en Sabón (Arteixo), un enclave cun alto valor ecolóxico, pero tamén un elevado grado de degradación e ameaza debido ás especies exóticas invasoras. Por iso, organizamos unha nova xornada de voluntariado de retirada manual de Carpobrotus sp., tamén coñecida como herba do coitelo, o mércores 9 setembro ás 18:00 h.
Esta planta, orixinaria de Sudáfrica, forma densas alfombras que ocupan grandes superficies e poden desprazar a flora autóctona, alterando a composición e o funcionamento natural dos hábitats dunares. As actuacións realizadas anteriormente permitiron eliminar por completo varias das manchas que tiñamos catalogadas, pero a súa presenza aínda é significativa en determinados puntos, polo que resulta necesario continuar co traballo de retirada e seguimento para evitar a súa expansión e favorecer progresivamente a recuperación da vexetación local.
A participación é de balde e aberta a todos os públicos, previa reserva de praza (inscrición) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G. N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Todos os participantes que sexan confirmados vía e-mail recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade, e contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada.
Esta actividade forma parte do proxecto “Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025”, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMPA), e pola Xunta de Galicia.
Dúbidas e comentarios en mares@gnhabitat.org│981 135 014
Entre tod@s, melloraremos o planeta!

Leave A Comment