A Delegación de As Mariñas da Sociedade Galega de Historia Natural, Grupo Naturalista Hábitat, ADEGA-Coruña, Plataforma na Defensa da Ría de Sada e Betanzos, Asociación Ecologista Arco Iris e Asociación Cultural O Rabo do Galo presentaron de novo un escrito ante a Demarcación de Costas de Galicia.

Como se fixera no ano 2015,  solicitamos a suspensión total da obra “Actuación medioambiental de la ría del Pedrido, fase I, playa de Sada (A Coruña)” e a anulación do proxecto “Actuación medioambiental de la ría del Pedrido (A Coruña)”, debido ás graves deficiencias no Estudo de Impacto Ambiental no que se basea a súa Declaración de Impacto Ambiental.

O grave impacto medioambiental de ditas actuacións nas pradeiras de zostera presentes na praia de Sada, as cales serven de refuxio e cría para especies mariñas, suporían a perda dun ecosistema significativo, tanto a nivel natural como comercial, tal e como poñen de manifesto tamén as Cogradías de pescadores de Sada e Betanzos.

Instamos, entre outros puntos, a que se acometa un novo proxecto de actuacións medioambientais, elaborando un novo Estudo de Impacto Ambiental que conte co consenso e acordo de todos os axentes implicados e afectados por estas actuacións e que supoña realmente a mellora da calidade das augas e hábitats das distintas zonas de cría.