O inicio do debate parlamentario da nova Lei de Patrimonio Natural de Galicia preocupa profundamente ás entidades conservacionistas, por ser pouco ambiciosa e non abordar a grave situación de abandono do noso patrimonio natural.

Mañá, martes, vai celebrarse no Parlamento de Galicia o debate das emendas á totalidade da nova Lei de Patrimonio Natural, que derrogará a actual Lei 9/2001, de 21 de agosto, de Conservación da Natureza.

Lamentablemente, a nova lei vai pouco máis alá de basearse na anterior, actualizando o texto co indicado na normativa estatal de obrigado cumprimento (a Ley 42/2007, de 13 de diciembre, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad) e algúns convenios internacionais subscritos polo Estado.

A Lei 9/2001 NON serviu para a Conservación da Natureza

Nos 18 anos que pasaron dende que se promulgou a lei vixente, o patrimonio natural galego ten sufrido un deterioro continuado e sistemático. A Lei 9/2001 non se chegou a aplicar en toda a súa extensión, e nunca contou coa correspondente norma regulamentaria que a desenvolvera.

Un exemplo deste abandono son os plans de recuperación e conservación das especies ameazadas. En 12 anos se teñen aprobado soamente 3, cando a lei establece a obriga de facelos para as 200 especies catalogadas oficialmente como “en perigo de extinción” ou en situación “vulnerable”. E incluso estes 3 plans aprobados non están a ser aplicados. Esta desidia ten levado ó agravamento da situación das especies ameazadas.

Outro exemplo é a Rede Natura 2000. A día de hoxe aínda non está completa, pois non se ten cumprido coa obriga establecida pola Unión Europea de ampliala, correndo o risco de que os espazos propostos oficialmente hai dez anos para a súa incorporación se deterioren gravemente e que a Unión Europea impoña severas sancións económicas por este incumprimento. A isto se engade o estado xeral de abandono destes espazos protexidos diante das inexistencias dunha xestión eficaz e dunha vixilancia suficiente.

Principais eivas da nova Lei

Emendas rexeitadas

A práctica totalidade das emendas presentadas polos grupos conservacionistas foi rexeitada, sen mediar xustificacións razoables para desbotalas.

O urbanismo manda

Malia o afirmado no seu preámbulo, a lei garante que os intereses urbanísticos particulares prevalezan sobre o interese xeral de conservar o noso patrimonio natural.

Ningún parque natural máis

A diferenza do resto das comunidades autonómicas, a lei establece unha superficie mínima para os parques naturais. Agás o P. N. da Baixa Limia e Serra do Xurés, ningún parque natural galego tería sido declarado con esta lei, por non acadar a cifra de 10.000 hectáreas. Tampouco recupera a figura de director de parque natural, imprescindible para a súa boa xestión, eliminada irracionalmente coa creación da Rede de Parques Naturais de Galicia.

Invasoras sen control

As especies exóticas invasoras son a segunda causa de perda de biodiversidade no planeta e supoñen un grave problema no medio natural galego, onde avanzan sen apenas control. A nova lei non crea o imprescindible Catálogo Galego de Especies Exóticas Invasoras, nin avanza no seu control, nin facilita o traballo ás ONG que están loitando contra elas.

Os humidais seguen esquecidos

Pasaron 16 anos dende que se creou o Inventario de Humidais de Galicia. Por falta de protección, moitos deles teñen desaparecido ou están degradados. A nova lei non establece a actualización do inventario e medidas adicionais de protección (coa única excepción dos 5 que están protexidos por convenios internacionais).

A custodia do territorio sen apoio

A nova lei non facilita a participación cidadá na conservación da natureza a través das entidades de custodia do territorio. Comete un erro grave na definición dos acordos de custodia, non amplía o máximo de 4 anos para os convenios de custodia coa Administración, non declara as súas actuacións como de utilidade pública e de interese social, e non facilita o seu traballo cun desenvolvemento lexislativo, fiscal, económico e social.

Microrreservas inútiles

No texto da nova lei figura un concepto erróneo de microrreserva. A diferenza do que fixeron as comunidade autonómicas que introduciron esta figura como un concepto de xestión de pequenos enclaves nos que se atopan especies raras ou ameazadas, nesta lei considéranse un tipo de espazo protexido que non facilita unha xestión e unha conservación real.

O chumbo segue sen control

A lei non aborda a prohibición total da munición con chumbo, a diferenza doutros países, malia terse verificado o seu impacto ecolóxico e sobre a saúde das persoas. Por exemplo, Dinamarca (93.000 cazadores) prohibiuno hai 23 anos.

Incumprir a lei compensa

O réxime sancionador da nova lei non logra disuadir de vulnerar moitas das prohibicións. Por exemplo, non se sanciona a colocación de cebos envelenados fóra dos espazos protexidos, o que pode provocar a mortaldade de especies ameazadas, domésticas ou de calquera tipo.

Entidades que subscriben o comunicado

Por os motivos citados e moitos outros, as entidades conservacionistas galegas que se listan ao final están moi preocupadas pola aprobación dunha lei que non garante a preservación da nosa flora, fauna, xea, paisaxe e servizos ecosistémicos. A crise económica do 2008 serviulle de escusa ó goberno galego para abandonar toda política ambiental, esquecendo que o noso patrimonio natural é un importante motor da riqueza económica galega (reflectido, como exemplo, nas imaxes de promoción turística).

A tramitación parlamentaria é a última ocasión para evitar os erros cometidos na redacción da nova lei, polo que instamos ós parlamentarios a meditar as alegacións presentadas no seu día.

  • Asociación Drosera para o Estudo e Conservación do Medio Natural
  • Asociación Galega de Custodia do Territorio
  • Ecoloxistas en Acción
  • Foro de Redes y Entidades de Custodia del Territorio
  • Grupo Naturalista Hábitat
  • Rede Galega de Entidades de Custodia do Territorio
  • Sociedade Galega de Historia Natural
  • Sociedade Galega de Ornitoloxía

Información relacionada

* Alegacións das entidades conservacionistas ao Anteproxecto de Lei do Patrimonio Natural de Galicia (abril do 2017): acceso á noticia.