Crónica das nosas excursións primaverais a Villafáfila: Dúas viaxes, estepas, lagoas e moita biodiversidade

Esta primavera de 2026, o noso grupo puxo rumbo á provincia de Zamora por partida dobre para gozar dunha das saídas máis agardadas do ano: a visita á Reserva Natural das Lagoas de Villafáfila e a súa contorna. Para que ninguén quedase sen praza e garantir unha mellor loxística no campo, dividimos a expedición en dúas quendas que nos regalaron vivencias únicas, paisaxes contrastadas e un total de arredor de 120 especies rexistradas en conxunto. Establecendo o noso campamento base na zona de Benavente, estivemos listos para explorar.

O sentimento de familia naturalista foi o mellor de ambas as dúas viaxes.

☀️ Primeira quenda (18 e 19 de abril): Bolboretas, 90 especies e gravacións nocturnas

A nosa primeira visita comezou o sábado ben cedo, saíndo da Coruña arredor das seis da mañá cun reducido e fantástico grupo de 8 asistentes guiados por Elia Pérez e Manu Cernadas. Polo camiño xa fomos coordinándonos ata chegar directamente á Casa do Parque, onde nos recibiron os primeiros lagarteiros (cernícalos) pousados nos cables e o canto dun críalo nada máis baixar dos coches.

Acompañados dun ambiente case veraniego e impropio de abril, puidemos compartir comida de campo baixo os chopos. Ao longo da xornada percorremos camiños entre eidos cheos de orquídeas, caixas niño ocupadas e aldeas con mouchos nos tellados. Nas lagoas, aínda que as aves estaban dispersas polo altísimo nivel da auga, rexistramos flamencos, ánsares e multitude de pequenas aves. Ata as bolboretas quixeron sumarse, destacando especies como a Anthocharis cardamines e A. euphenoides ou Pieris brassicae.

O momento álxido chegou coa caída do sol. Despois dunha cea compartida (e abundante, como sempre!), realizamos unha saída nocturna onde localizamos un moucho de orellas (Otus scops), un moucho (Athene noctua) e incluso unha curuxa (Tyto alba) pousada moi pretiño nun sinal de tráfico. Ademais, aproveitamos para ensinarlles aos compañeiros técnicas de identificación acústica empregando unha parabólica de amplificación de son.

O domingo rematamos pisteando por Revellinos (onde anotamos unhas 40 especies en moi pouco tempo, incluídas avetardas e as tres especies de pardais da zona) e rematamos a viaxe no espectacular entorno de Puente Quintos observando avións roqueiros, voitre negro, voitre leonado e garzas. A tarde alongouse moito máis do previsto porque, simplemente, non queriamos marchar!

⛈️ Segunda quenda (1 ao 3 de maio): Maratón ornitolóxico entre treboadas e máis de 120 especies

Dúas semanas despois, un segundo grupo de 11 persoas tomaba a remuda. Esta aventura non tería sido o éxito rotundo que foi sen a maxistral guía doutros dous expertos de luxo: Cosme Damián Romay e Xabi Prieto Espiñeira. O seu profundo coñecemento (que ás veces roza o paranormal á hora de detectar especies) permitiunos exprimir o campo ao máximo. A recollida implacable de datos correu a cargo de Alén Espiña.

A pesar de que desta volta o tempo nos recibiu con nubes de treboada e algúns chuvascos, a meteoroloxía non impediu que pivotásemos por diferentes zonas acadando observacións inesquecibles:

  • 🦅 A estepa cerealista: O territorio indiscutible da avetarda euroasiática (Otis tarda). Tivemos o privilexio de observar aos grandes machos realizando a súa espectacular exhibición nupcial, coñecida como “a roda”. Tamén puidemos deleitarnos co canto das calandrias e a emocionante observación de gangas ibéricas e cortizoes.
  • 🌳 O monte mediterráneo: Nas visitas a Bretocino, Castronuevo e ao val do río Esla, a raíña foi a aguia real, acompañada de tartarañas cincentas e rabilongos (críalos). Ademais, a herpetoloxía tivo o seu momento de gloria co achado de réptiles tan esquivos coma a cobra cega (Blanus cinereus) e a osga común xuvenil baixo unhas tellas.
  • 🦆 As lagoas: Puidemos observar gansos bravos cos seus pitos, cegoñelas nos seus niños, avocetas e cullereiros dende os observatorios da “Casa del Parque”, perfectos para esquivar as fortes treboadas deses días.

📸 Vive a excursión ao detalle no blogue de Xabi Prieto!

Como é imposible resumir toda a beleza e os “bimbos” destas viaxes nunhas poucas liñas, queremos convidarvos a visitar o blogue do noso guía da segunda quenda, Xabi Prieto: Bichos e demais familia.

Xabi, todo un referente divulgativo que leva moitísimos anos mantendo viva esta fantástica bitácora, publicou unha completísima crónica da nosa saída de maio dividida en tres partes. Nelas atoparedes os datos recolleitos por Alén, anécdotas e, sobre todo, unhas fotografías absolutamente espectaculares capturadas durante a saída coa súa cámara.

Non perdades ningún dos seus traballos (recomendámosvos encarecidamente ver as fotos na pantalla grande do ordenador e non no móbil!):

Dende a organización queremos agradecer aos 19 asistentes totais a súa inmellorable disposición, o bo ambiente e o respecto amosado pola contorna durante as rutas. Foron días de convivencia, aprendizaxe e natureza compartida que reforzan ese sentimento de familia naturalista que tantas veces nace no campo. Actividades coma esta lémbrannos por que amamos tanto a natureza.

📢 Estade atentos ás nosas redes sociais e aos boletíns para as vindeiras escapadas! Vémonos no campo.