O escritor e naturalista ourensán Silverio Cerradelo, “alma” do proxecto “A Chave.gal”, será o protagonista deste “Falando de Natureza”, que se celebrará en liña o vindeiro luns 20 de maio a partires das 20:00 h. O título da charla (Poñendo nomes galegos ás aves do mundo: o proxecto “A Chave”) ven sintetizar o traballo Silverio desde 2015, a través de cinco edicións do traballo “Os nomes galegos das aves” (dispoñibles en www.achave.gal). A quinta edición deste traballo, que se presenta coincidindo co Día das Letras Galegas 2024, ten como novidades algunhas denominacións de aves ibéricas froito dos seminarios de ornitonimia organizados pola RAG (2019-2024), ademais de recoller un bo número de aves exóticas sen nome previo en galego. En total, a quinta edición de “Os nomes galegos das aves” achega nomes galegos para 8.729 de especies de aves do planeta (8.601 especies estantes e 128 especies extintas) e mais 304 subespecies. O horizonte está claro: nomear en galego as algo máis de 11.000 especies de aves coñecidas no mundo.
A charla será de balde e aberta ao público, en formato exclusivamente online. Poderás conectar libremente ao directo a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito. Rematado o faladoiro daremos paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen recibidas.
Podes seguir o directo na nosa canle de Youtube:
E tamén:
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Agardámoste!

Leave A Comment