Do 4 ao 12 de maio terá lugar unha nova edición da Semana sobre Especies Invasoras Portugal e España (SEI 2024), iniciativa promovida pola Red Portuguesa para el Estudio y Gestión de Especies Invasoras – Red InvECO , a  plataforma INVASORAS.PT , os proxectos  LIFE STOP Cortaderia  e  LIFE INVASAQUA, e o Grupo Especialista en Invasiones Biológicas, e que se leva a cabo grazas á implicación de numerosas entidades (centros de investigación, ONGs, universidades, e demais institucións públicas e privadas), que en conxunto configuran unha batería de actividades nos formatos online e presencial. 

O programa 2024 pretende novamente poñer o foco nunhas das principais causas de perda de biodiversidade a nivel mundial, e tamén con fortes impactos no sector socioeconómico: as especies exóticas invasoras.

Tódalas actividades organizadas polas entidades participantes na SEI 2024 (conferencias, actividades de campo e moitas outras tipoloxías de acción) poden consultarse a través da web oficial, para quen desexe afondar nesta proposta.

 

E por cuarto ano consecutivo, dende Hábitat sumámonos a esta ambiciosa iniciativa coa programación dunha nova conferencia, na que resumiremos os seis anos de esforzos investidos no Espazo Natural de Interese Local – ENIL Torre de Hércules dirixidos á eliminación e control de especies exóticas invasoras (principalmente  do Carpobrotus sp., coñecida como “Uña de gato” ou “Herba do coitelo”). Faremos un novo repaso á orixe deste programa de voluntariado ambiental (establecido en colaboración coa Concellería de Medio Ambiente do Concello da Coruña), aos seus obxectivos, a metoloxía aplicada e as actividades desenvolvidas, actualizando así mesmo os resultados obtidos ao longo das campañas 2018-2023, con indicación das tarefas pendentes para a recuperación deste espazo e as liñas de traballo colaborativo que se foron abrindo coa comunidade universitaria. Todo grazas ás tarefas levadas a cabo da man d@s voluntari@s coma ti, imprescindible para acadar os obxectivos previstos.

O relatorio, de balde e aberto ao público, terá lugar o vindeiro mércores 8 de maio, ás 20h, en formato exclusivamente online. A conferencia se retransmitirá a través das canles do G.N.Hábitat nas redes sociais. Non se require inscrición previa para a participación. Ao longo da conferencia poderás facer as túas consultas por escrito. Rematado o faladoiro daremos paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen recibidas.

Podes seguir o directo na nosa canle de Youtube:

E tamén:

 

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Agardámoste!