No Día Mundial da Auga, o Grupo Naturalista Hábitat pon o foco na conservación do río Ulla
O Grupo Naturalista Hábitat, dedicado ao estudo e conservación da natureza galega desde 1979, pon o foco neste Día Mundial da Auga nas ameazas que axexan o río Ulla e os seus afluentes nas comarcas da Ulloa, Melide e Deza (e por extensión en toda a cunca ullá).
En concreto, o proxecto de celulosa da multinacional Altri en Palas de Rei supón unha ameaza no só para o río Ulla, senón para dous dos seus afluentes: o río Seco e o río Furelos, incluídos dentro da Rede Natura 2000. A auga que demandará esa macrofábrica diariamente equivale ao consumo diario de toda a provincia de Lugo, e non hai certeza que os efluentes que se desboten no río Ulla (o 65% do volume captado) teñan un mínimo de calidade (químicos, exceso de fósforo, temperatura de 27ºC…). Altri solicitou captar este volume de auga por 75 anos.
Ademais, a captación situarase no encoro de Portodemouros, masa de auga que ten experimentado estiaxes severas non últimos anos, con preocupantes explosións numéricas de cianobacterias. Co caudal que prevé detraer Altri durante os 365 do ano, a sobrepoboación destes microorganismos tóxicos verase potenciada por un menor volume de auga ao que se lle están engadindo nutrintes residuais da propia fábrica. Isto prexudicará letalmente á calidade das augas e aos organismos que viven en Portodemouros, entre eles especies en perigo de extinción como a esmeralda espléndida (Macromia splendens).
O trazado da captación de auga tamén terá impacto sobre o arborado de ribeira destes cursos de auga, que son hábitats de conservación prioritaria para a Unión Europea (bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior, código 91E0* na Directiva de Hábitats).
Por se fora pouco, Altri demandará máis plantacións de eucalipto para producir celulosa, a razón de 4000 novas hectáreas plantadas cada ano. Supoñendo unha media de 1200 novos eucaliptos por hectárea, que individualmente captarán 20 litros de auga ao día, suporá que cada ano se nos prive á cidadanía de 35.000 millóns de litros de auga dos solos, mananciais e regatos galegos, xa que servirán só para facer crecer os eucaliptos que pide Altri.
Desde Hábitat pedimos non só que o proxecto de Altri se descarte inmediatamente, senón que se garanta que se conserven todas as ribeiras do río Ulla e os seus afluentes. A fórmula idónea sería ampliar a Zona Especial de Conservación ES1140001 “Sistema Fluvial Ulla-Deza” para abranguer todos os bosques de ribeira (ripisilvas) da zona de policía (100 m a cada beira do río) dos bordos do encoro de Portodemouros, así como as do curso do río Ulla augas arriba ata o seu nacemento. A ampliación da ES1140001 abranguería tamén os principais afluentes ulláns (a chamada Rede Hidrográfica Básica, usada polas demarcacións e conferederacións hidrográficas), e converxería cos tramos xa protexidos dos ríos Furelos e Seco (ZEC ES1110014). Cómpre lembrar que a Rede Natura 2000 na parte terrestre galega, hoxe en día, cubre apenas o 12% do territorio (a porcentaxe máis reducida no conxunto das comunidades autónomas españolas), e que esta ampliación contribuirá co necesario aumento das áreas protexidas galegas.

Leave A Comment