Neste novo “Falando de Natureza” contaremos coa presenza do mestre Rafael López Loureiro, “Calel”, para poñer en valor unha parte da obra do primeiro naturalista galego: o pai Martín Sarmiento. A data escollida, 8 de marzo, non é casual, unha vez é véspera do seu natalicio, data na que se celebra o Día do Naturalismo Galego. O título será “Atúns e flamengos. Lobernos e carqueixas. Linneo, Newton e tanto máis: Sarmiento, o curioso naturalista”.
O mestre Calel (Cedeira, 1954) é, como di recorrentemente, “mestre en xúbilo”. Foi impulsor en Galicia da revitalización da esquecida festa das caliveras: o Samaín. Publicou, de feito, “Samaín: a festa das caliveras”, “As caveiras de colondros” e “Las calaveras de ánimas en la península Ibérica”. Máis recentemente, escribiu “Antón de Garay, pirata temerario ou vítima xudicial”.
Así e todo, Calel e un dos principais investigadores e divulgadores da figura do pai Sarmiento, poñéndoo en valor desde o seu blogue de natureza “Ao noroeste do noroeste”. De feito, a presente charla “Atúns e flamengos. Lobernos e carqueiras. Linneo, Newton e tanto máis: Sarmiento, o curioso naturalista” é unha escolma, moi parcial, da vastísima produción do pai Martín Sarmiento, en grande medida inédita e, en todo caso, moi descoñecida aínda polo grande público. “Calel” realiza unha lúcida ollada á súa obra, paseando breve pero intensamente polos sendeiros do saber de Sarmiento. Desde a pesca dos atúns aos flamengos e ás súas crías; desde as feras e flores de monte ata as grandes mentes científicas: o mestre López Loureiro homenaxeará con estas pílulas do saber ao primeiro naturalista galego.
A charla, de balde e aberta ao público, terá lugar o vindeiro venres, 8 de marzo, ás 20:00h. Será retransmitida en directo e poderás conectar libremente ao directo a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito. Rematado o faladoiro daremos paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen recibidas.
Podes seguir o directo na nosa canle de Youtube:
E tamén:
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Agardámoste!

Leave A Comment