Do 21 ao 29 de maio terá lugar a Semana sobre Especies Invasoras: Portugal e España (SEI 2022), iniciativa promovida pola Rede Portuguesa para o Estudo e Xestión de Especies Invasoras – InvECO Network,  a plataforma invasoras.pt e os proxectos LIFE STOP Cortaderia  e  LIFE INVASAQUA, e que se leva a cabo grazas á implicación de numerosas entidades (centros de investigación, ONGs, universidades, e demais institucións públicas e privadas), que en conxunto configuran unha batería de actividades nos formatos online e presencial. 

O programa 2022, herdeiro da edición 2021 cando se celebrou a 1º Semana Ibérica sobre Especies Invasoras (SIEI 2021), pretende novamente poñer o foco nunhas das principais causas de perda de biodiversidade a nivel mundial, e tamén con fortes impactos no sector socioeconómico: as especies exóticas invasoras.

Neste momentos son máis de 200 as actividades organizadas por ata 187 entidades participantes na SEI 2022, o que supón xa un novo evento con gran impacto a nivel ibérico, acollendo conferencias, roteiros, e moitas outras tipoloxías de acción. Todas elas poden consultarse a través da web oficial, para quen desexe afondar nesta proposta.

E un ano máis, dende Hábitat sumámonos a esta ambiciosa iniciativa coa programación dunha conferencia online, na que poñeremos en valor os catro anos de esforzos investidos (2018-2021) no Espazo Natural de Interese LocalENIL Torre de Hércules coa retirada do Carpobrotus sp. (uña de gato ou herba do coitelo), planta exótica invasora que compromete e restrinxe a diversidade biolóxica presente nesta contorna. Faremos un novo repaso á orixe deste proxecto (establecido no marco do programa “Custodia do Territorio e Voluntariado” acordado entre a Concellería de Medio Ambiente do Concello da Coruña e o G.N.Hábitat), aos seus obxectivos, ametoloxía aplicada e as actividades desenvolvidas, actualizando así mesmo os resultados obtidos ao longo das campañas 2018-2021, con indicación das tarefas pendentes para a recuperación deste espazo e as liñas de traballo colaborativo que se foron abrindo coa área de botánica da Universidade da Coruña. Todo grazas ás tarefas levadas a cabo da man do voluntariado ambiental, imprescindible para acadar os obxectivos previstos.

A emisión desta conferencia será o luns 23 de maio do 2022, ás 20:30h. Se queres participar como público poderás conectar libremente a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito a través destas mesmas redes. Rematada a conferencia daremos paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Podes serguir o directo na nosa canle de Youtube:

E tamén:

 

Agardámoste!