Retomamos de novo a nosa colaboración co Departamento de Botánica da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña tras o parón do ano pasado por mor da pandemia.

Levamos xa catro anos, nos que mediante a Aprendizaxe-Servizo (APS), os alumnos dos últimos cursos da carreira de Bioloxía fan prácticas con estudos de campo baseadas en necesidades ou oportunidades xeradas no Grupo e titorizadas polos seus profesores co noso apoio. Esta titorización compartida é a simbiose perfecta, xa que fomenta n@s alumn@s unha aprendizaxe máis significativa ao aplicala a contextos reais, e ademais prestan un servizo cara a sociedade.

Neste ano e moi probablemente nos vindeiros, ocuparémonos da unlla de gato (Carpobrotus edulis) que invade a contorna da Torre de Hércules. Como sabedes, o G.N. Hábitat leva tempo traballando na erradicación desta planta invasora neste espazo, e dende o 2018 ademais cun convenio de colaboración co concello da Coruña. Xa temos liberados máis de 2500 m2!!!  E estamos a facer un seguimento da evolución nestas parcelas, pero toda axuda é benvida. Queremos saber como evolucionan as áreas sobre as que actuamos e cuantificar e controlar os rebrotes de unlla de gato e a posible colonización por outras especies invasoras tamén presentes na contorna. Por iso faremos con eles un estudo comparativo da flora nestes espazos de actuación tendo en conta estes factores.