Nos pasados días, logo das noticias aparecidas na prensa nas que se comunicaba a intencionalidade do Concello de Oleiros de actuar con lume en solares de punta Canide e de Iñás colonizados por herba da Pampa (Cortaderia selloana), e para o cal contaba –segundo a prensa- coa autorización da Xunta de Galicia, dende Hábitat achegamos un escrito dirixido á Alcaldía do Concello no que expresábamos a nosa preocupación acerca desta metodoloxía de control.
Finalmente, tamén a través da prensa, vemos que as actuacións foron efectivamente levadas a cabo (web municipal / novas en prensa) polo Concello, polo que agardamos ver agora as repercursións a medio e longo prazo destas actuacións, que se ben son moi espectaculares de cara á cidadanía seguramente estean lonxe de resolver o problema. Así e todo, deixámosvos un extracto do escrito achegado aos responsables municipais, no que damos conta das referencias que desaconsellan esta metodoloxía para o control da Cortaderia selloana.
ESCRITO
“O G.N.Hábitat, consciente e implicado na problemática que supoñen as especies invasoras no medio natural, con fincapé na citada Cortaderia selloana fronte á que xa ten traballado en accións de control e eliminación de exemplares…considera que o método exposto na prensa (queimas) non semella ser o indicado para o control desta especie botánica, tal e como pode extraerse segundo o recollido na bibliografía científica. Véxase:
- Que “é posible que se trate dunha especie pirófita e colabore coa propagación de incendios e colonización despois do lume”. Extracto recollido de Fagúndez, J. e Barrada, M. 2007. Plantas Invasoras de Galicia. Bioloxía, distribución e métodos de control. Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Xunta de Galicia). 209 pp. LIGAZÓN
- Que “Estos métodos pueden ser apropiados para eliminar especies anuales o perennes en fase de plántula, pero no para aplicar a plantas perennes con rizomas o profundas raíces. En el caso de la hierba de la pampa, la parte aérea se elimina con el fuego pero la planta no muere y puede rebrotar con fuerza tras la quema”. Extracto recollido de Herrera, M. e Campo, J.C. 2006. El carrizo de la Pampa (Cortaderia selloana) en Bizkaia. Guía práctica para su control. Instituto de Estudios Territoriales de Bizcaia. 43 pp. LIGAZÓN
- Que “o forte crecemento vexetativo obsérvase tamén despois dos incendios, momento no que as plantas reabrollan vigorosamente”. Extracto recollido de A xestión dunha invasión biolóxica en Galicia: Cortaderia selloana (Schult. & Schult. f.) Asch. & Graebn. LIGAZÓN
Compre salientar a circunstancia de que a propia Administración (Xunta de Galicia), quen publica algunhas das liñas anteriormente citadas nas que se pon de manifesto a relación entre a Cortaderia selloana e o lume, sexa quen outorgue os permisos pertinentes –sempre segundo a prensa- para poder aplicar esta metodoloxía baseada nas queimas, aspecto canto menos paradoxo e con posibles efectos negativos, peores incluso que os existentes hoxe día, a medio e longo prazo.
Así mesmo, as queimas suporían a eliminación doutras especies autóctonas que alí se atopan. Esta cuestión, unida á presenza en punta Canide de especies en réxime de protección especial ligadas a ambientes herbáceos como Falco tinnunculus ou Anthus pratensis (entre outras), desaconsellan tamén esta práctica.
E polo tanto,
SOLICITA
Que conscientes da necesidade de actuar fronte as especies alóctonas invasoras, se recapacite sobre a idoneidade da posta en marcha desta metodoloxía de control baseada nas queimas, procurando levar á práctica preferiblemente os procedementos físicos e mecánicos xa especificados na literatura científica: segas manuais das partes aéreas fóra da época de floración, eliminación manual das pequenas plántulas e arrincado dos cepellóns con maquinaria (incluíndo o rizoma) nos exemplares de gran porte, ademais do control manual dos exemplares reabrollados nos sucesivos seguimentos.
Sen outro particular, reciban un cordial saúdo.
A Coruña, a 29 de novembro de 2016.
O Presidente do G.N.Hábitat”

Leave A Comment