O pasado domingo día 6 de outubro de 2013, con motivo da celebración do Día das Aves 2013, os integrantes do Grupo Naturalista Hábitat, da man do seu Grupo de Anelamento Píllara, levamos a cabo unha xornada de anelamento e observación de aves no encoro de Cecebre.

Á cita acudiron máis de 100 curiosos!, entre expertos e afeccionados ao campo e as aves, adultos e nenos con ganas de aproveitar o bo tempo, e na que todos gozamos dunha mañá neste entorno natural. Ata alí achegouse tamén a Televisión de Galicia, quen elaborou unha pequena reportaxe da actividade que foi emitida no noticiario, e que poderedes ver nesta ligazón: Reportaxe TVG_Día das Aves 2013.

En resume, puidéronse anelar un total de 12 especies diferentes de aves, as cales fixeron as delicias de cativos e adultos, xa que puideron ser fotografadas a pracer, aproveitando tamén para coñecer o procedemento, utilidade e importancia do anelamento científico. Do mesmo xeito, e grazas ao material óptico posto a disposición dos visitantes, puidemos comprobar in situ a variedade de especies de aves que visitan e repousan neste encoro. Así, un total de 22 especies distintas foron localizadas polo contorno a través dos prismáticos e telescopios, e coa axuda dos expertos.

En definitiva, unha moi boa experiencia para todos!

Especies observadas:
– Garza real (Ardea cinerea)
– Garza branca (Egretta alba)
– Cullereiro común (Platalea leucorodia)
– Mazarico rabinegro (Limosa limosa)
– Lavanco real (Anas platyrhynchos)
– Mergullón cristado (Podiceps cristatus)
– Cerceta real (Anas crecca)
– Azor común (Accipiter gentilis)
– Gabián común (Accipiter nisus)
– Tartaraña arpella (Circus aeruginosus)
– Corvo mariño real (Phalacrocorax carbo)
– Gaivota patiamarela (Larus michahellis)
– Gaivota chorona (Larus ridibundus)
– Picaxuncos común (Cisticola juncidis)
– Lavandeira branca (Motacilla alba)
– Miñato común (Buteo buteo)
– Carrizo común (Troglodytes troglodytes)
– Pardal común (Passer domesticus)
– Corvo viaraz (Corvus corone)
– Pega marza (Garrulus glandarius)
– Pega rabilonga (Pica pica)
– Mergullón pequeño (Tachybaptus ruficollis)

Especies aneladas:
– Píllara real (Charadrius hiaticula)
– Liorteiro común (Philomachus pugnax)
– Bilurico bailón (Actitis hypoleucos)
– Papuxa das amoras (Sylvia atricapilla)
– Papuxa cabecinegra (Sylvia melanocephala)
– Paporrubio común (Erithacus rubecula)
– Verderolo común (Carduelis chloris)
– Ferreiriño subeliño (Aegithalos caudatus)
– Martiño peixeiro (Alcedo atthis)
– Picafollas cantor (Phylloscopus trochilus)
– Merlo común (Turdus merula)
– Azulenta común (Prunella modularis)
– Ferreiriño negro (Parus ater)
– Reiseñor da auga (Cettia cetti)
– Lavandeira branca (Motacilla alba)
– Pimpín (Firngilla coelebs)