O Grupo Naturalista Hábitat presenta a XIV edición do Certame de Debuxo da Natureza «Vida silvestre da cunca do río Mero e o encoro de Cecebre», no marco da iniciativa COAWA de Emalcsa. A temática desta convocatoria é «Verán no encoro».
Continuamos o percorrido polas estacións a través da flora e fauna do encoro de Abegondo-Cecebre e das cuncas dos ríos Mero e Barcés. O verán trae días longos e temperaturas cálidas que favorecen a actividade de moitos dos seus habitantes. As flores da herba de san Xoán reciben a visita dos insectos polinizadores e os froitos do sabugueiro ofrecen alimento ás aves. As libélulas percorren as ribeiras, as lagartixas toman o sol e os cirrios capturan insectos en voo. Coa chegada da noite, as avelaíñas e o ourizo cacho continúan a actividade. Nesta edición propoñemos 16 especies para observar e debuxar, prestando atención ás súas formas, cores e relacións coa contorna: unha oportunidade para coñecer a vida do encoro durante a estación estival.
Con esta iniciativa pretendemos que a cidadanía se achegue á natureza a través da arte, promovendo a observación e o coñecemento da flora, fauna e xeoloxía do espazo natural protexido do encoro de Cecebre, parte da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
A participación proposta é gratuíta e aberta a persoas de todas as idades. Establécense dúas categorías: menores de 14 anos e persoas de 14 anos ou máis, segundo a idade no momento da inscrición.
Cada participante poderá presentar de 1 a 16 debuxos orixinais, cun máximo dunha obra por especie. As obras deberán realizarse a man e a cor, sobre papel ou cartolina branca de tamaño A4, seguindo as bases.
As ilustracións seleccionadas formarán parte do Calendario 2027 do Grupo Naturalista Hábitat.
📅Prazo límite de inscrición e recepción das obras: 30 de novembro do 2026.
Anímate, difúndeo e axúdanos a superarnos este ano!!
* Se queres atopar máis información, imaxes e vídeos de anteriores convocatorias desta iniciativa, visita a seguinte ligazón: novas do certame na nosa web.
🔎 Para máis información ou consultas: 📧 inscricion@gnhabitat.org 📞 981 135 014
Actividade encadrada dentro do programa: Promove:



Leave A Comment