Este fin de semana celebramos o Día Mundial das Aves e facémolo cunha actividade para poñer a proba os nosos coñecementos e, sobre todo, para gozar das aves no campo. O domingo, 4 de outubro de 2026, chega a XIII Maratón Ornitolóxica da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, unha xornada na que os equipos sairán na procura do maior número posible de especies de aves. Desde as 00:00 ata as 18:00 h, cada equipo poderá organizarse como prefira e aproveitar todo o tempo dispoñible ou só unha parte para conseguir o maior número de especies.
A actividade será de balde e aberta a todo o público e non é necesario ter coñecementos previos: só ganas de aprender, saír ao campo e pasalo ben. Ao rematar, reunirémonos na Sede da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, en Abegondo, onde se fará o reconto e coñeceremos o equipo gañador desta edición.
Nas seguintes ligazóns podes acceder a toda a información relativa a esta segunda actividade. É importante que leas detidamente as bases de participación na maratón, nelas están explicadas polo miúdo as normas e requisitos para o bo desenvolvemento da xornada.
As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. O feito de cubrir o formulario non garante a praza ata recibir confirmación por correo electrónico por parte de G.N. Hábitat.
Todos os participantes confirmados estarán cubertos cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante a actividade e recibirán toda a información necesaria para o correcto desenvolvemento da mesma.
Prégase compromiso e seriedade. Se unha vez confirmada a praza non puideras asistir, infórmanos canto antes para liberar a praza e que outra persoa poida participar.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Os que o proban, sempre repíten! Anímate e participa!

Leave A Comment