Con motivo do Día Internacional contra os Monocultivos Forestais, celebrado o 21 de setembro, o Grupo Naturalista Hábitat publica o manifesto «Menos eucaliptos, máis natureza galega». Nel expresamos o noso posicionamento sobre a expansión do eucalipto en Galicia e propoñemos medidas para recuperar espazo para a natureza e outros usos do territorio.

O documento organízase en dous decálogos. O primeiro expón o diagnóstico de Hábitat sobre a superficie ocupada polo eucalipto e os seus efectos sobre a biodiversidade, a auga, os solos, a paisaxe e o risco de incendios. O segundo recolle propostas de actuación: mellorar o control das plantacións, actuar nas zonas onde a súa presenza entra en conflito coa conservación ou cos usos do territorio, favorecer a recuperación da vexetación autóctona e planificar alternativas para as superficies actualmente ocupadas.

Con este manifesto queremos contribuír a un debate público informado sobre o futuro do monte galego. Consideramos necesario examinar tanto as consecuencias ambientais do modelo forestal actual como as medidas que permitirían avanzar cara a unha paisaxe máis diversa.

 

Esta publicación dá continuidade ao Falando de Natureza dedicado ao monocultivo de eucalipto en Galicia, no que abordamos as diferenzas entre unha plantación forestal e un bosque, así como os retos que presenta a expansión do eucalipto no noso territorio.