As aves que viven ou pasan pola nosa contorna teñen moito que contarnos. Para coñecelas mellor e comprender os seus movementos, hábitos e evolución poboacional existen diferentes técnicas de estudo, entre elas o anelamento científico. Nesta ocasión, acompañaremos ao Grupo de Anelamento Hércules nunha xornada práctica de anelamento científico de aves nas fiuncheiras do barrio dos Rosais, na Coruña.
Da man de aneladores expertos, poderemos observar de preto como se desenvolve esta técnica de estudo e coñecer mellor as aves que habitan estes espazos. Será unha oportunidade para aprender como se identifican as diferentes especies, que datos se poden obter mediante o anelamento e como toda esta información contribúe ao coñecemento e á conservación das aves.
A actividade terá lugar nas fiuncheiras dos Rosais, formacións vexetais dominadas polo fiúncho (Foeniculum vulgare) que podemos atopar habitualmente tanto no interior como en zonas próximas ao litoral. Moitas destas formacións ocupan antigas áreas de cultivo e ofrecen alimento e acubillo a unha gran diversidade de animais, entre elas, as aves. Durante os períodos migratorios, especies como o picafollas musical ou a andoriña común poden aproveitar intensamente os recursos que ofrecen estes espazos. Ademais, as fiuncheiras proporcionan un hábitat axeitado para invertebrados, réptiles, anfibios e mamíferos.
A xornada, aberta ao público, terá lugar o xoves 10 de setembro do 2026, ás 09:00 h no barrio dos Rosais (A Coruña), e permitirá descubrir o valor destes pequenos espazos verdes urbanos e periurbanos e a importancia que teñen para a biodiversidade.
A actividade terá unha cota de inscrición e o recadado nestas accións destinarase á Custodia do Territorio e á Defensa Ambiental a través do Proxecto Vixías. Con esta iniciativa queremos seguir loitando con máis forza para protexer os nosos espazos naturais e a biodiversidade das constantes perturbacións ás que se ven sometidos.
- Socios/as do G.N. Hábitat:
- Menores de 18 anos: 5 €
- Maiores de 18 anos: 10 €
- Non socios/as do G.N. Hábitat:
- Menores de 18 anos: 10 €
- Maiores de 18 anos: 15 €
Para participar é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza nas actividades ata non recibir confirmación por parte do G.N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Anímate e ven connosco!

Leave A Comment