Cando cae a noite, o litoral transfórmase. Moitos dos animais que se agochan durante o día comezan a súa actividade, mentres outros aproveitan a escuridade para buscar alimento, desprazarse ou evitar os depredadores. Como é a vida na costa de Dexo cando desaparece a luz do día?

Nesta actividade nocturna visitaremos esta parte do litoral ártabro para descubrir unha realidade que habitualmente pasa desapercibida. Ao longo do percorrido escoitaremos os sons da fauna terrestre e aprenderemos a identificar algunhas das especies que desenvolven a súa actividade durante a noite, como morcegos, aves nocturnas e pequenos mamíferos, coñecendo os seus hábitos e as adaptacións que lles permiten vivir na escuridade.

Tamén nos achegaremos ao medio intermareal para descubrir que acontece no mar cando cae a noite: diferentes organismos aproveitan estas horas para alimentarse, desprazarse ou desenvolver comportamentos que dificilmente podemos observar durante o día.

E, para rematar a xornada, levantaremos a vista ao ceo para gozar das estrelas de finais de verán e gozar da noite desde outra perspectiva. 

A actividade terá lugar o xoves 10 de setembro de 2026, de 20:30 a 23:00 h, na costa de Dexo (Oleiros), da man da Asociacion De Veciños San Anton De Dexo. A participación é de balde e aberta a todos os públicos, previa reserva de praza (inscrición) a través do seguinte formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G. N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Todos os participantes que sexan confirmados vía e-mail recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade, e contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada.

Esta actividade forma parte do proxecto “Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025”, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA), e pola Xunta de Galicia. 

Dúbidas e comentarios en mares@gnhabitat.org981 135 014

Coidar dos mares depende de todos nós!