O mar do Golfo Ártabro agocha unha extraordinaria diversidade de vida, desde os organismos que habitan os fondos mariños ata as aves e mamíferos que dependen destas augas para alimentarse. Nesta actividade teremos a oportunidade de achegarnos a este patrimonio natural desde unha perspectiva privilexiada: a bordo dun veleiro. Durante a saída percorreremos a banda sur do Golfo Ártabro, prestando especial atención aos cetáceos e aves que, con sorte, poidamos observar durante a travesía, na cal coñeceremos tamén algúns dos elementos máis destacados da paisaxe costeira.

A ruta partirá de Sada o sábado, 22 de agosto do 2026, ás 17:00 h, nunha xornada pensada para gozar do mar mentres aprendemos a identificar e valorar a biodiversidade que habita estas augas e a súa contorna.

A participación é de balde e aberta a todos os públicos, previa reserva de praza (inscrición) a través do seguinte formulario habilitado:

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G. N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Todos os participantes que sexan confirmados vía e-mail recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade, e contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada.

Esta actividade forma parte do proxecto “Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025”, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMPA), e pola Xunta de Galicia. 

Dúbidas e comentarios en mares@gnhabitat.org│981 135 014