O lixo no mar constitúe un grave problema ambiental, mais arredor do 80% do lixo mariño ten a súa orixe en terra. Os residuos abandonados en rúas, parques, ríos ou marxes fluviais poden ser transportados pola choiva e as correntes ata o mar, onde acaban afectando á fauna, á flora e á calidade dos ecosistemas costeiros.

Conservar o medio mariño tamén implica actuar nos estuarios e nas marismas, espazos de transición entre os ríos e o mar que desempeñan un papel fundamental para a biodiversidade e funcionan como zonas de acumulación de residuos.

Por iso, organizamos unha xornada de voluntariado para retirar lixo na ría do Burgo, un enclave de gran valor natural. A elevada densidade de poboación da súa contorna fai que sexa un dos espazos litorais con maior tendencia á acumulación de lixo, polo que a colaboración cidadá resulta esencial para a súa conservación.

A actividade celebrarase o martes 28 de xullo de 2026 ás 10:00 h, na zona do Temple (Cambre). Ademais de recoller residuos, os participantes terán ocasión de gozar deste fermoso recuncho dogolfo ártabro e da biodiversidade que atopemos nel.

A participación é de balde e aberta a todos os públicos, previa reserva de praza (inscrición) a través do seguinte formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G. N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Todos os participantes que sexan confirmados vía e-mail recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade, e contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada.

Esta actividade forma parte do proxecto Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMPA), e pola Xunta de Galicia. 

Dúbidas e comentarios en mares@gnhabitat.org981 135 014

Entre tod@s, melloraremos o planeta!