Xa está en marcha unha nova edición da Campaña Vacaloura, unha iniciativa de ciencia cidadá promovida polo Grupo Naturalista Hábitat co obxectivo de mellorar o coñecemento sobre a distribución desta emblemática especie en Galicia e contribuír á súa conservación.
A vacaloura (Lucanus cervus) é un dos escaravellos máis espectaculares da nosa fauna e unha das especies máis representativas dos bosques maduros. A súa presenza está estreitamente relacionada coa existencia de árbores vellas, madeira morta e ecosistemas forestais ben conservados, polo que o seu seguimento constitúe unha valiosa ferramenta para coñecer o estado de conservación destes hábitats.
Case mil observacións recompiladas en Galicia
Grazas á colaboración de centos de persoas ao longo dos últimos anos, a campaña permitiu recompilar xa case mil citas procedentes das catro provincias galegas, achegando información de gran valor para coñecer mellor a distribución da especie e a súa evolución no territorio.
Cada nova observación continúa sendo importante. As citas procedentes de zonas pouco prospectadas, así como as observacións repetidas ao longo dos anos nun mesmo lugar, axudan a comprender mellor a situación actual da especie e a detectar posibles cambios nas súas poboacións.
Como participar?
Participar é moi sinxelo. Se observas unha vacaloura durante os meses de verán, podes enviarnos a túa cita a través do formulario habilitado para esta campaña.
Son de interese tanto as observacións de exemplares vivos como os restos identificables da especie, incluíndo mandíbulas, élitros ou exemplares mortos atopados no medio natural.
Tamén podes compartir as túas observacións a través dos proxectos da campaña en plataformas de ciencia cidadá como:
Seguimento científico mediante transectos
Ademais da recollida aberta de observacións, o Grupo Naturalista Hábitat participa un ano máis na European Stag Beetle Monitoring Network, unha rede internacional de seguimento da vacaloura baseada en protocolos científicos estandarizados.
A través desta iniciativa, persoas voluntarias realizan transectos periódicos en diferentes localidades galegas, rexistrando observacións e variables ambientais que permiten obter información comparable entre anos e territorios.
Actualmente mantense unha rede de transectos activos en Galicia e continúan abertas novas incorporacións de persoas interesadas en participar no seguimento científico da especie.
Se desexas colaborar nesta liña de traballo ou poñer en marcha un novo transecto na túa zona, podes contactar connosco e facilitarémosche toda a documentación e formación necesaria.
Cando se pode observar a vacaloura?
Os adultos adoitan observarse entre os meses de xuño e agosto, concentrándose a maior actividade durante as semanas centrais do verán.
As observacións resultan especialmente frecuentes ao solpor e durante as primeiras horas da noite, cando os machos realizan os seus característicos voos en busca de femias.
A pesar do seu aspecto impoñente, trátase dunha especie totalmente inofensiva para as persoas.
Cada cita conta
A información recompilada grazas á colaboración cidadá permite avanzar no coñecemento dunha das especies máis singulares dos nosos bosques e contribúe a impulsar accións de conservación baseadas en datos reais.
Se este verán tes a sorte de atopar unha vacaloura, non esquezas compartir a túa observación.
Cada cita conta. Cada bosque importa.

Hoxe sobre as 00h vimos unha vacaloura macho na zona de Foxos , Sanxenxo.Cruzaba o camiño que pasa por diante da miña casa.