O vindeiro domingo, 31 de maio, de 9:30 a 13:00h, o G.N. Hábitat organiza unha nova actividade dentro da iniciativa Hábitat Protexe baixo o título “Observando aves nas marismas do Baxoi e Praia Grande de Miño”.

Ao longo da mañá realizaremos un percorrido interpretativo por esta contorna costeira de grande interese ecolóxico, tentando observar o maior número posible de especies de aves. Prestaremos especial atención ás aves nidificantes presentes na zona e ás últimas migrantes primaverais, nun momento especialmente interesante para a observación ornitolóxica.

As marismas do Baxoi e a Praia Grande de Miño constitúen un importante enclave para numerosas especies ligadas aos ecosistemas litorais e húmidos, ofrecendo unha excelente oportunidade para achegarse á biodiversidade da costa galega e coñecer mellor a súa importancia para a conservación.

A actividade terá unha cota de inscrición e o recadado nestas accións destinarase á Custodia do Territorio e á Defensa Ambiental a través do Proxecto Vixías. Con esta iniciativa queremos seguir loitando con máis forza para protexer os nosos espazos naturais e a biodiversidade das constantes perturbacións ás que se ven sometidos.

  • Socios/as G.N. Hábitat:
    • Menores de 18 anos: 5 €
    • Maiores de 18 anos: 8 €
  • Non socios/as G.N. Hábitat:
    • Menores de 18 anos: 8 €
    • Maiores de 18 anos: 15 €

Para participar é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza nas actividades ata non recibir confirmación por parte do G.N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Anímate e ven connosco!