A finais de maio teremos un faladoiro da man da Asociacion De Veciños San Anton De Dexo, para tratar un tema tan importante como preocupante: contaminación e lixo mariño. Afondaremos en cuestións cotiás e que nos tocan moi de cerca, como os residuos domésticos, e descubriremos cales son as principais fontes de contaminación mariña, así como as consecuencias negativas que conlevan. Así, concienciaremos á veciñanza de Dexo, e a toda persoa que quera achegarse, sobre estas problemáticas. Tamén lles daremos as chaves para desenvolver limpezas de praias con seguridade, sen causar dano ao medio natural e, de paso, gozar da flora e fauna que atopen.
Será o venres, 29 de maio, ás 19:00 h na Casa do Pobo de Dexo (Oleiros). A participación é de balde e aberta a todos os públicos, previa reserva de praza (inscrición) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G. N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Todos os participantes que sexan confirmados vía e-mail recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade, e contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada.
Esta actividade forma parte do proxecto “Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025”, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), e pola Xunta de Galicia.
Dúbidas e comentarios en mares@gnhabitat.org│981 135 014
Coidar dos mares depende de todos nós!

Leave A Comment