Este sábado, 21 de marzo de 2026, de 10 a 14h, desde o Grupo Naturalista Hábitat participaremos nunha xornada de plantación de árbores autóctonas no concello Larouco (Ourense) xunto con Afundación – Obra Social ABANCA.
Esta iniciativa xorde co obxectivo de contribuír á recuperación dos montes afectados pola vaga de incendios do ano 2025, que provocou importantes danos en moitas zonas de Galicia, especialmente nas provincias de Lugo e Ourense. A desaparición da vexetación non só altera a paisaxe, senón que tamén reduce os hábitats dispoñibles para a fauna, diminúe os recursos naturais e incrementa o risco de erosión do solo e de perda de biodiversidade.
A plantación de especies arbóreas autóctonas axuda a favorecer os procesos naturais de rexeneración do monte, creando novos refuxios e fontes de alimento para numerosas especies e contribuíndo á recuperación do equilibrio ecolóxico destes ecosistemas. Ademais, estas actuacións tamén favorecen a mellora da estrutura do solo, a retención de auga e unha maior capacidade do territorio para afrontar futuros incendios ou episodios climáticos extremos.
Ao mesmo tempo, esta xornada pretende implicar á cidadanía na restauración do medio natural, fomentando a sensibilización sobre a importancia da conservación dos montes e destacando o papel fundamental das especies autóctonas na saúde e sustentabilidade dos ecosistemas galegos.
Se queres colaborar activamente na recuperación dos nosos montes e participar nunha acción directa de conservación da natureza, anímate a vir connosco!

Leave A Comment