En 2022, a ONU declarou o 1 de marzo como Día Mundial das Pradeiras Mariñas, para crear conciencia e contribuír á conservación destes ecosistemas tan especiais.
Aproveitando esta data tan sinalada, e a boa marea que acompaña, o domingo, 1 de marzo de 2026, faremos unha visita ás pradeiras mariñas de Sada, e coñecer de primeira man os seus segredos e a súa importancia para o medio mariño. Para iso, teremos a sorte de contar coa presenza de Calros Silvar, naturalista da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).
Esta acción forma parte do proxecto “Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025”, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), e pola Xunta de Galicia.
A participación é de balde e aberta a todos os públicos, desenvolverase o vindeiro domingo, 1 de marzo do 2026, ás 9:00h, na praia de Sada. Para a participación é imprescindible a previa reserva de praza (inscrición) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G. N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Todos os participantes que sexan confirmados vía e-mail recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade, e contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada.
Dúbidas e comentarios en mares@gnhabitat.org│981 135 014
A túa colaboración conta. Súmate ao coidado do noso mar!

Leave A Comment