O proxecto Coñece o teu mar, subvencionado por fondos europeos e a Consellería do Mar, acolleu, ao longo de 2024 e 2025, un total de 24 actividades divulgativas en seis concellos do GALP Golfo Ártabro Sur: Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada.
Desde o G.N. Hábitat levamos a cabo faladoiros e saídas de campo para dar a coñecer os océanos, as súas características e elementos, e a flora e fauna que neles habitan. Estas actividades, abertas á cidadanía, tiveron como principal obxectivo educar e concienciar sobre a importancia dos ecosistemas mariños, a súa biodiversidade, conservación e os impactos humanos neles.
Actividades desenvoltas
En cada concello celebrouse un ciclo de catro sesións, de 90 minutos de duración:
- Faladoiro sobre medio mariño: tratando temas como dinámica mariña, correntes, impacto do cambio climático e características do NE Atlántico e do Golfo Ártabro.
- Faladoiro sobre fauna mariña: identificación de especies comúns, observación, conservación e problemáticas actuais.
- Faladoiro sobre flora mariña: especies de algas e plantas do arco ártabro, usos tradicionais, invasións biolóxicas e efectos climáticos.
- Saída de campo: interpretación do litoral observación de flora e fauna, e análise físico-química das augas nun espazo costeiro do propio concello.
Participaron un total de 80 persoas, sendo Arteixo e Oleiros onde se rexistrou a maior asistencia.
Resultados
A través desta iniciativa achegouse información rigurosa sobre a función dos océanos no clima e a biodiversidade global, ademais de incrementar a conciencia cidadá sobre a necesidade de protexer o medio mariño. Grazas ás experiencias prácticas, os asistentes tomaron contacto directo co seu entorno litoral, reforzando a conexión co mar e coas metas de conservación da ONU a través do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) nº 14 Vida Submariña, que procura conservar e utilizar de xeito sostible os océanos, mares e recursos mariños.
Apoio e financiamento
Esta batería de actividades foi posible grazas á liña de axudas autonómicas para proxectos enmarcados na Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa do GALP Golfo Ártabro Sur (PE155A), financiadas con fondos da Unión Europea e da Consellería do Mar.


Leave A Comment