Este mes de xuño tes unha cita no VI Curso de tartarugas e mamíferos mariños. Iniciativa levada a cabo pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), e que nesta sexta convocatoria conta coa implicación do G.N.Hábitat. Unha magnífica ocasión para todos aqueles que desexen afondar na fauna mariña, da man de expertos. 

O curso, que se levará a cabo os vindeiros mércores e xoves, 25 e 26 de xuño, en horario de mañá e tarde, ten como obxectivo a divulgación e a formación da propia Rede de Varamentos. Entre os temas contidos no curso atópase a información relativa á asistencia das especies mariñas ameazadas, a asistencia ás tartarugas mariñas, o funcionamento da UCI de lobos mariños, o centro de coordinación de varamentos dende Nigrán ou os traballos desenvolvidos coas labores de monitorización marítima, asistencia a varamentos ou mesmo o seguimento das interaccións das candorcas. Como novidade incorpórase tamén nesta edición a información relativa ás quenllas, unhas especies moi descoñecidas e cada vez máis presentes nas augas de Galicia.

Entre os especialistas cos que se contará están o Xefe do equipo veterinario e Presidente da CEMMA, Xabier Pin; o Coordinador xeral dos varamentos de Galicia, Pablo Covelo; as Especialistas na asistencia de campo, Mónica González e Uxía Vázquez; o Doutor en bioloxia e especialista en dieta, Alberto Hernández, a Doutora e especilista veterinaria en Anatomía da USC, Nuria Alemañ, e a Doutora en patoloxía, Raquel Puig. Finalmente, o Doutor en bioloxía e investigador da Universidade de Aveiro, Alfredo López.

O carácter do curso é xeralista e, aínda que con certa información técnica, é apto para todos os públicos: voluntariado, navegantes, amantes do mar, estudantado de secundaria e universitario, e mesmo profesorado de ciencias. Así mesmo, desta volta o curso conta cun financiamento limitado de parte das actividades a desenvolver, polo que é preciso que os interesados en participar axuden cos gastos derivados da organización. Nesta liña, establécese un máximo de 30 participantes no curso, cunha cota de inscrición de 60€.

O prazo de inscrición rematará o domingo 22/06/2025. As inscricións dos interesados deberán facerse a través do seguinte formulario habilitado

O importe do curso deberá aboarase seguindo estas indicacións:

  • Número de conta: IBAN  ES25  2100  4790  4702  0002  9083
  • Concepto do ingreso: CURSO CORUÑA25_nome_data

Unha vez feito o ingreso deberá enviarse o resgardo ao correo: cemmasolicitud@gmail.com. A esta mesma conta de email poderán enviarse as dúbidas e comentarios que puideran xurdir sobre o curso por calquera interesado.

Nas seguintes ligazóns poderás ver máis información

No perdas esta oportunidade!