O vindeiro domingo, 6 de abril de 2025, comezamos as actividades de primavera do proxecto “Vixías dos nosos ríos” cunha ruta polo val do río Mandeo, entre os concellos de Coirós e Paderne. Faremos unha camiñata de dificultade media cun percorrido de 8 km. Durante a ruta, faremos paradas para apreciar a floración dalgunhas das especies máis salientables do bosque de ribeira, como os narcisos. Ademais, será un bo momento para identificar as especies de insectos acuáticos e polinizadores, que comezan a realizar os primeiros voos da primavera. Acompañados polo ruxir dos rápidos do río Mandeo, escoitaremos as aves, buscaremos anfibios e observaremos indicios da presenza de mamíferos. Tamén analizaremos as principais ameazas para a conservación da biodiversidade.

O río Mandeo está protexido como Zona de Especial Conservación Betanzos – Mandeo e, ademais, é o núcleo da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Para a súa preservación, é esencial o traballo de custodia da Fundación Fragas do Mandeo, que leva a cabo numerosas tarefas de erradicación de flora exótica invasora, retirada de lixo e conservación do bosque de ribeira.

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o domingo, 6 de abril do 2025, de 10h a 14h. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Esta ruta encádrase no programa de actividades de “Vixías dos nosos ríos, un proxecto do Grupo Naturalista Hábitat subvencionado por Augas de Galicia.

Dúbidas e comentarios en vixiasrios@gnhabitat.org639 13 16 88

Agardámoste!