Este domingo, 16 de febreiro do 2025, de 10:30 a 13:30h, celebraremos un novo Encontro Naturalista cun Paseo Naturalista pola praia de Alba, en Arteixo. Durante a actividade, poñeremos en valor a zona de duna, que nos últimos anos foi medrando grazas ao cambio das correntes mariñas, que arrastran area doutras praias, transformando progresivamente o hábitat.

A pesar do seu valor ambiental, esta praia perdeu parte do seu esplendor tras a instalación da central térmica de Sabón. Ademais, o río Bolaños, que discorre polo interior do Polígono Industrial de Sabón, non desemboca neste punto en condicións óptimas.

A través desta actividade, queremos dar a coñecer os valores ambientais da zona e reflexionar sobre os perigos que a ameazan, promovendo a conciencia ambiental e explorando posibles solucións para a súa conservación.

A xornada, de balde e aberta ao público. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado.

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Agardámoste!