Dentro do noso proxecto “Vixías dos nosos ríos” organizamos unha nova actividade, esta vez no río Baxoi. Trataremos de avaliar o estado de conservación do río mediante un obradoiro, no cal estudaremos os macroinvertebrados, tomaremos medidas fisicoquímicas da auga e avaliaremos o bosque de ribeira.
Adicionalmente, unha vez rematemos o obradoiro, faremos unha pequena ruta pola senda habilitada do Baxoi. Durante toda a xornada aprenderemos os valores naturais que ten este río, así como as súas ameazas. Este río forma na súa desembocadura un gran esteiro que serve de refuxio para moitas especies de aves acuáticas, sobre todo nos meses de inverno. Poderemos estudar como algunas estructuras humanas, como a ponte da autopista ou a do ferrocarril, teñen unha gran influencia sobre esta paraxe.
A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o domingo, 13 de outubro do 2024, de 10:30h a 14:00h. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Esta ruta encádrase no programa de actividades de “Vixías dos nosos ríos”, un proxecto do Grupo Naturalista Hábitat subvencionado por Augas de Galicia.
Dúbidas e comentarios en vixiasrios@gnhabitat.org│639 13 16 88
Agardámoste!

Leave A Comment