Temos o pracer de convidar a un ornitólogo inquedo e curioso, con profundos coñecementos na nomenclatura das aves galegas: Xosé Manuel Penas Patiño. Santiagués do ano 1950, con profundos vínculos con Baldaio e con Rois, foi mestre e é un importante persoeiro na ciencia galega. Estivo implicado na Fundación do Grupo Ornitolóxico Galego (GOG), así como no colectivo sucesor deste: a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). É autor de numerosos artigos e libros, entre eles a Guía das aves de Galicia, cuxa primeira edición, de 1980, foi o primeiro libro autonómico relativo a ornitoloxía. En todo caso, Penas Patiño leva media vida compilando nomes populares de aves en galego, tanto a través dunha minuciosa revisión bibliográfica, entrevistas a persoas maiores no rural, e tamén á procura extensiva de establecementos, produtos e rotulacións diversas con nomes vernáculos de aves. Resultado dese traballo é este primeiro volume de Quod vulgus vocat, editado pola Xunta de Galicia, e que hoxe se presenta dentro deste “Falando de Natureza”.
A charla será de balde e aberta ao público, retransmitida en directo. Poderás conectar libremente ao directo a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito. Rematado o faladoiro daremos paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen recibidas.
Podes seguir o directo na nosa canle de Youtube:
E tamén:
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Agardámoste o mércores 18 de setembro ás 20h!

Leave A Comment