O pasado domingo 26 de maio celebramos a XI Maratón Ornitolóxica da Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” que este ano formou parte das VI Xornadas sobre ornitoloxía da citada reserva . Esta actividade formativa e lúdica consistiu en identificar por equipos o maior número posible de especies de aves silvestres dentro dos municipios da Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” agás Miño e Sobrado [Territorio Leader Mariñas-Betanzos], durante un máximo de 18 horas.
A meteoroloxía acompañou cunha xornada de sol e bo tempo aos 27 observadores que se animaron a descubrir a riqueza ornitolóxica da nosa contorna, nun total de 6 equipos participantes.
O equipo número 5, formado por Santiago Vázquez, Josefa Ramallal, Alén Espiña, Jose Luis Pardo e Luz Fernández, non tivo rival e alzouse coa victoria cunha cifra de 69 especies avistadas e 87 puntos en total.
O equipo nº 4, cun total de 66 especies detectadas e 79 puntos, acadou o segundo posto na maratón
Finalmente o equipo nº 2, con 53 especies detectadas e 58 puntos, quedou co terceiro posto na maratón.
Os resultados gloabis foron salientables para a época do ano, chegando as 88 especies de aves detectadas en total ao longo da maratón entre todos os participantes. Cifras que fixeron que tanto monitores como asistentes, gozaran dunha xornada estupenda chea de bos momentos e moitas aves para a lembranza.
Este é o resumo das cifras por equipos:
| Equipo | Nº Especies | Puntuación |
|---|---|---|
| Equipo 05 | 69 | 87 |
| Equipo 04 | 66 | 79 |
| Equipo 02 | 53 | 58 |
| Equipo 06 | 42 | 56 |
| Equipo 01 | 51 | 55 |
| Equipo 03 | 48 | 54 |
| Total especies | 88 |
Consulta aquí a lista completa de observacións por especie e Equipo.
A nosa noraboa aos gañadores, e o noso máis sincero agradecemento a tódolos participantes polo seu esforzo, e por facer que cada ano siga a medrar a paixón polas aves da nosa contorna. Así mesmo, queremos dar as grazas á Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo por seguir apostando un ano máis pola realización destas xornadas.
Vémonos na seguinte!!



Leave A Comment