A fin de semana que ven celebramos o Día Internacional das Aves Migratorias, que foi o 11 de maio, e como todos os anos faremos da man da Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” as VI Xornadas sobre ornitoloxía na Reserva de Biosfera. Nestas xornadas faranse unhas charlas sobre ornitoloxía e a, xa case famosa, Maratón da Reserva. Coñecerás os mellores lugares para a observación de aves dentro da Reserva de Biosfera, como diferencialas, e pasarás dúas xornadas cheas de emocións, aprendizaxe e aves, moitas aves.
Non precisas ter coñecementos previos, só ganas de aprender ou saír ao campo e pasalo en grande. Cada xornada contará con ornitólogos/as experimentados para gozar ao máximo da actividade.
As xornadas, de balde e abertas ao público, terán lugar os vindeiros 24 de maio en xornada de tarde e o 26 de maio en xornada completa. Así e todo, para a participación en calquera delas é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través dos formularios habilitados. Podes formalizar a solicitude para a parte teórica, a práctica ou ás dúas.
Na primeira xornada, o venres, 24 de maio, de 19:30 a 21:30h e través dunha xornada formativa, iniciarémonos nesta disciplina na Sede da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas (Abegondo). Veremos como diferenciar e identificar as especies de aves máis representativas presentes na nosa contorna, así como trucos e anécdotas da man de expertos ornitólogos con moitos anos de experiencia. Aprenderemos como empregar as ópticas e outros materiais usados no traballo de campo e aclararemos as posibles dúbidas que vaian xurdindo.
E na segunda xornada, o domingo, 26 de maio, saímos ao campo! Que mellor maneira de poñer en práctica os nosos coñecementos poñendoos a proba. Saímos ao campo na procura do maior número de especies de aves na XI maratón da Reserva de Biosfera MCeTM. Tes desde as 00h ata as 18h para ver todas as aves que poidas para intentar ser o equipo gañador deste ano 2024!!
Nas seguintes ligazóns podes acceder a toda a información relativa a esta segunda actividade. É importante que leas detidamente as bases de participación na maratón, nelas están explicadas polo miúdo as normas e requisitos para o bo desenvolvemento da xornada.
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza nas actividades ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado.
Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da maratón, e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar das actividades.
Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Os que o proban, sempre repíten! Anímate e ven connosco!

Leave A Comment