A colaboración entre o G.N.Hábitat e @s compañeir@s da Asociación Micolóxica Coruñesa segue dando os seus froitos. Nesta ocasión comprácenos anunciar a celebración dun curso práctico de microscopia micolóxica, que virá guiado da man do recoñecido micólogo, Chemi Traba*
*Chemi Traba Velay: Presidente da Federación Galega de Micolóxía, autor de diversas guías micolóxicas, descubridor de varias especies de fungos novas para a ciencia e doutorando en filoxenética nesta complexa rama da bioloxía.
Trátase dunha iniciativa de carácter teórico-práctica, na que os participantes aprenderán a elaborar as súas propias mostras e a utilizar ferramentas como microscopios, cámaras de microscopía e software especializado (os organizadores porán a disposición dos participantes o material necesario para o correcto desenvolvemento das xornadas). Considérase de interese tanto para os que queren avanzar no estudo dos fungos a un nivel experto, como para os que simplemente queren achegarse ao abraiante mundo dos cogomelos. O uso do microscopio é fundamental para a correcta identificación de moitas especies de fungos. Tamén é unha práctica que permite descubrir unha incrible variedade de formas e estratexias evolutivas, ademais de ser unha práctica imprescindible para todo aquel que desexe contribuír ao coñecemento da biodiversidade galega.
O curso, de balde e aberto ao público, está dirixido a maiores de 18 anos. Se celebrará no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña: ver localización no mapa) e terá lugar ao longo de dúas sesións: mércores 27 e xoves 28 de setembro, de 20:30 a 22:30h en cada xornada. O curso require da asistencia ás dúas sesións para o seu correcto desenvolvemento, polo que non será posible anotarse unicamente a unha das quendas. Así mesmo, para a participación na actividade é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat, a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Prégase seriedade e compromiso na asistencia. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.
Dúbidas e comentarios:
- Sobre o proceso de inscrición e asistencias: inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
- Sobre os contidos e o desenvolvemento do curso: asociacionmicoloxicacorunesa@gmail.com
Anímate e ven connosco!

Leave A Comment