Neste 2022 non nos esquecemos das nosas relacións coa comunidade universitaria. Unha andaina que o G.N.Hábitat comezou anos atrás, e que nos permitiu materializar diversas colaboracións con alumnado e docentes da Universidade da Coruña, no marco de proxectos de Aprendizaxe-Servizo, prácticas externas e outras metodoloxías.
Desta volta queremos comunicarvos unha nova iniciativa, que consistirá na colaboración da nosa entidade no desenvolvemento do Traballo de Fin de Máster (TFM) a cargo de Miguel Penas, e que levará como título provisional “Ecological succession dynamics after Carpobortus edulis eradication programs: effects on plant community assembling and plant-herbivore interactions”. Un estudo dirixido polos investigadores e docentes Sergio Rodríguez Roiloa e Jonatan Rodríguez Parra.
Esta investigación encádrase no desenvolvemento do Máster universitario en biodiversidad terrestre: caracterización, conservación y gestión (estudo interuniversitario no que participan as Universidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela), e procurará determinar o proceso de sucesión das comunidades vexetais unha vez que se retira a especie exótica invasora Carpobrotus edulis, e como evolucionan as comunidades de insectos e as interaccións planta-insecto acompañando a este proceso de sucesión vexetal. Para isto, o TFM en marcha aproveitará como área de estudo diversos espazos de traballo nos que o Grupo Naturalista Hábitat leva desenvolvidas numerosas accións de retirada desta especie invasora nos últimos anos, da man do voluntariado ambiental.
Dende o G.N.Hábitat sempre é un pracer poder aportar o noso gran de area á investigación científica. Dende aquí enviámoslle o noso ánimo a Miguel e os seus titores. Seguro que o traballo aportará información de moito interese.
Estade atentos! Daremos conta dos resultados deste estudo unha vez rematado.

Leave A Comment