O G.N.Hábitat colaborará no IX Congreso Internacional de Casos Docentes en Marketing Público y No Lucrativo, que terá lugar o vindeiro 17 de novembro na Universidade da Coruña, e onde aportaremos o noso pequeno gran de area coa exposición das experiencias do Grupo na organización e desenvolvemento de accións de Voluntariado Corporativo, que vimos levando a cabo con diferentes entidades nos últimos anos para a divulgación e conservación do noso Patrimonio Natural.
O congreso, organizado pola Asociación Internacional de Marketing Público e No Lucrativo (AIMPN / IAPNM) en colaboración coa Área de Marketing da Universidade da Coruña (UDC), e baixo o lema de “Marketing utópico”, ten como finalidade constituír un foro de debate no que profesores, alumnos, investigadores e expertos, poñan de manifesto as inquedanzas dos diferentes colectivos nos aspectos relacionados co terceiro sector, as empresas e o sector público, no marco da procura dunha sociedade máis respectuosa co medioambiente e o planeta.
Coa nosa participación, Hábitat pretende facer fincapé na importancia da figura do Voluntariado, entendido como o capital humano imprescindible para o desenvolvemento do terceiro sector en xeral, e da nosa entidade en particular, así como poñer en valor a necesidade da implicación de toda a sociedade (Administracións, empresas, organizacións sen ánimo de lucro e cidadanía en xeral) na conservación da contorna natural; todos nós beneficiarios duns valores ambientais, biolóxicos e paisaxísticos que compre legar ás vindeiras xeracións no mellor estado posible, sendo así partícipes necesarios nas accións que leven á súa protección.
Máis información na web oficial do congreso: www.aimpn2017.com

Leave A Comment