Durante o mes de novembro, desde o Grupo Naturalista Hábitat participaremos, xunto con Afundación – Obra Social ABANCA, en dúas xornadas de plantación de especies arbóreas e arbustivas autóctonas en terreos afectados pola vaga de incendios forestais do ano 2025.
As actuacións desenvolveranse en Vilamartín de Valdeorras (Ourense), o sábado 14 de novembro, e en Sober (Lugo), o sábado 21 de novembro, ambas en horario de 10 a 14 h.
Os incendios forestais de 2025 provocaron importantes danos en numerosos espazos naturais de Galicia, especialmente nas provincias de Lugo e Ourense. A desaparición da vexetación non só transforma a paisaxe, senón que tamén reduce os hábitats dispoñibles para a fauna, diminúe os recursos alimenticios e incrementa o risco de erosión e perda de biodiversidade.
Mediante estas plantacións queremos contribuír á recuperación ambiental destes terreos, favorecendo os procesos de rexeneración natural e recuperando progresivamente a estrutura e as funcións ecolóxicas dos ecosistemas afectados. Para iso, empregaranse diferentes especies arbóreas e arbustivas autóctonas, seleccionadas polo seu valor ecolóxico e pola súa capacidade para proporcionar recursos á fauna.
As especies arbustivas desempeñarán un papel especialmente importante durante os primeiros anos de recuperación do bosque, xa que as súas flores ofrecerán alimento aos insectos polinizadores e os seus froitos constituirán un recurso alimenticio para numerosas aves e mamíferos. Ademais, a súa presenza contribuirá a crear zonas de refuxio e protección para diferentes especies, favorecendo a recuperación da biodiversidade mesmo antes de que o estrato arbóreo volva estar plenamente desenvolvido.
Estas iniciativas tamén buscan implicar á cidadanía na conservación e restauración do patrimonio natural galego, facendo partícipes ás persoas voluntarias dunha acción directa para a recuperación dos espazos afectados polos incendios.
As actividades están abertas á participación e requiren inscrición previa a través do portal Actúa de Afundación.
Se queres contribuír activamente á recuperación dos nosos montes, animámoste a participar nalgunha destas dúas xornadas!

Leave A Comment