O 21 de setembro conmemórase o Día Internacional contra os Monocultivos de Árbores, unha data para reflexionar sobre os impactos ambientais, sociais e económicos asociados á expansión dos monocultivos forestais.
No marco do noso proxecto Fragas Perdidas, celebraremos ese día cunha nova cita de “Falando de natureza”, dedicada aos monocultivos de árbores en Galicia.
Pero, que é exactamente un monocultivo? E por que non debemos confundilo cun bosque? Aínda que ambos poden estar formados por árbores, nun bosque existe unha maior diversidade de especies, idades e estruturas, así como unha complexa rede de relacións entre plantas, animais, fungos e microorganismos.
En Galicia, falar de monocultivos forestais implica falar necesariamente do eucalipto, unha especie que ocupa unha parte importante da superficie forestal galega e cuxa expansión ten consecuencias sobre a biodiversidade, o solo, a auga e a configuración da paisaxe. A súa presenza masiva, especialmente cando substitúe outros hábitats e se integra nun modelo forestal baseado en superficies homoxéneas, constitúe un dos principais retos ambientais do territorio galego.
Neste faladoiro, achegarémonos ao fenómeno dos monocultivos de árbores e reflexionaremos sobre as súas diferenzas cos bosques, os seus impactos e o papel que desempeña o eucalipto no actual territorio galego.
A actividade, de balde e aberta ao público, será o luns 21 de setembro do 2026, ás 20:30 h, en formato online a través das nosas redes sociais. A participación online non require inscrición previa, sendo posible conectarse libremente a través do directo.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Agardámoste!

Leave A Comment