Cando vas á praia ves peixes, pero non sabes que son? Fas snorkel ou mergullo e disfrutas dos fondos mariños sen saber o que ves? Pois esta xornada de introdución ao mergullo no Golfo Ártabro é perfecta para ti.

Comezaremos co faladoiro Introdución á bioloxía mariña de Galicia, con Salvador Fojón, especialista en Medicina Interna e tamén Instructor de mergullo científico CMAS, quen nos revelará cuestións relacionadas co funcionamento do medio mariño en Galicia e da biodiversidade que habita nel.

Despois, contaremos con Gonzalo Montoto, licenciado en Veterinaria e tamén Instructor de mergullo científico científico CMAS, quen nos fará unha visita guiada aos fondos mariños do Golfo Ártabro no faladoiro Acompáñanos a unha sesión de mergullo virtual.

Será o sábado 20 de xuño ás 10:30 h e 12:15 h respectivamente no Centro Cultural As Torres de Santa Cruz (Oleiros). A participación é de balde e aberta a todos os públicos, previa reserva de praza (inscrición) a través do seguinte formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G. N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Todos os participantes que sexan confirmados vía e-mail recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade, e contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada.

Esta actividade forma parte do proxecto Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA), e pola Xunta de Galicia. 

Dúbidas e comentarios en mares@gnhabitat.org981 135 014

Coidar dos mares depende de todos nós!