A duna de Santa Cristina sufriu profundas alteracións desde mediados do s. XX debido á construción de edificios, o uso humano intensivo e a perda de area derivada das modificacións nas correntes mariñas provocadas pola construción de diques. Con todo, nos últimos anos estase a producir unha recuperación notable da vexetación dunar, demostrando que, cando se reducen os impactos humanos, os procesos naturais son capaces de restaurar o ecosistema de forma espontánea. 

Para contribuír a esa recuperación, imos levar a cabo unha doble xornada de retirada de plantas exóticas invasoras que vimos detectando nas dunas. Concretamente, eliminaremos o mexacán do Cabo, Arctotheca calendula, unha especie procedente de Sudáfrica que tapiza o terreo con grande rapidez e impide a presenza de especies locais.

Será o sábado, 30 de maio, na duna de Santa Cristina (Oleiros), en dúas quendas: pola mañá, de 10:30 a 13:30 h, e pola tarde, de 17 a 19 h. A participación é de balde e aberta a todos os públicos, previa reserva de praza (inscrición) a través do seguinte formulario habilitado:

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G. N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Todos os participantes que sexan confirmados vía e-mail recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade, e contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada.

Esta actividade forma parte do proxecto “Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025”, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), e pola Xunta de Galicia. 

Dúbidas e comentarios en mares@gnhabitat.org│981 135 014

Coidar dos mares depende de todos nós!