O vindeiro martes darémoslle a benvida aos nosos “Falando de natureza” deste 2025, dun xeito moi especial. Desta volta conversaremos sobre o sempre emblemático lobo. Astuto, intelixente e audaz. Capaz de espertar a maior das admiracións, mais tamén de ser obxectivo de fortes persecucións. E que mellor excusa para falar polo miúdo deste fermoso animal ca presentación do libro Territorio Lobo, a recente obra de Andoni Canela, quen leva 30 anos seguindo e fotografando exemplares e mandas, sempre en liberdade e na súa contorna natural.

Andoni Canela – Fotógrafo, periodista e realizador de documentais especializado en temas de natureza e medio ambiente. Ten publicado unha docena de libros; entre eles: “Durmiendo con Lobos”, “La Llamada del Puma”, “El Águila Imperial Ibérica”, “Lynx”, “El Oso Cantábrico”, entre outro títulos. As súas reportaxes aparecen en medios como La Vanguardia, National Geographic, El País e Sunday Times. Ademáis é director de “El viaje de Unai”, documental candidato aos Premios Goya (2017) andonicanela.com

Fonte: https://www.andonicanela.com/bio/

E para poñerlle a guinda á xornada estarán tamén connosco os compañeiros e expertos do Grupo Lobo. Asociación sen ánimo de lucro cuxo obxectivo é garantir a conservación do lobo en Galicia,  e a súa coexistencia coas actividades humanas.

O relatorio, de balde e aberto ao público, terá lugar o martes 4 de febreiro, ás 20:30h, no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña: ver localización no mapa). O formato será exclusivamente presencial, non se habilitará difusión online. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado.

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

O coloquio permitirá a participación do público asistente, atendendo na medida do posible ás dúbidas e comentarios que xurdan sobre a figura do lobo. A xornada finalizará cunha venta e sinatura de libros por parte do autor, para quen desexe facerse cun exemplar.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Agardámoste!