Velaquí unha nova xornada no marco do programa Hábitat sen E.E.I., coa que continuaremos avanzando na recuperación de áreas degradadas na contorna do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) Torre de Hércules. Novamente centraremos esforzos na retirada da especie exótica invasora coñecida como uña de gato (Carpobrotus spp.), acompañados nesta ocasión pol@s compañeir@s da Oficina de Sustentabilidade (OdS) da Universidade da Coruña.

*Sabías que dende o pasado ano 2018 son xa 1.421 as persoas voluntarias que nos teñen axudado nestas tarefas, en 77 xornadas de traballo 💪. O proceso de recuperación ambiental avanza de xeito favorable a prol da comunidade vexetal nativa, mais aínda queda moito traballo por diante. Paseniño, continuamos cara o noso obxectivo.

As vindeiras actividades, de balde e abertas ao público, terán lugar o mércores 27 de novembro en dúas quendas: ás 10:30h e ás 15:30h. Poderás acudir a unha soa ou ás dúas quedas, segundo as túas preferencias e dispoñibilidade. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Agardámoste!