Fai catro anos, en xaneiro do 2020, colocamos en Casa Grande de Xanceda (Mesía) unha caixa de lagarteiro común (Falco tinnunculus, cernícalo vulgar en castelán) que se uniu ás 60 caixas niño para aves, abellas e refuxios de morcegos que temos nas súas fincas. Dentro do proxecto de fomento da biodiversidade agraria que comezamos fai case 10 anos nas súas instalacións.
Ese mesmo ano criaron e sacaron adiante a 3 polos. O ano seguinte (2021 e 2022) non criaron na caixa niño, seguramente por unhas obras que se estaban a facer preto das instalacións onde está colocada a caixa niño.
No ano 2023 volveron criar e sacaron adiante a 5 polos, que foron anelados polo noso Grupo de Anelamento Phylloscopus. Ademais, púxose un transmisor GPS á femia para saber a preferencia das zonas de alimentación na contorna de Casa Grande de Xanceda, pero transmitiu durante soamente dúas semanas, aínda que aportanto uns datos interesantes.
Uns meses despois, unha das aneladoras de Phylloscopus, Alexia del Río, que é mestra no IES de Curtis e participa no programa Voz Natura, centrado en conservación de flora e fauna. Plantexounos que sería un proxecto fantástico para o alumnado poñer unha cámara web dentro da caixa niño de lagarteiro para que puidesen ver en directo como fan todo o proceso de cría e facer traballos sobre isto. Ademais de transmitilo en directo para que máis xente poida desfrutar deste proceso sen molestar ás aves neste momento tan sensible.
A idea foi comentada a Casa Grande de Xanceda e encantoulles, polo que no IES de Curtis puxéronse mans á obra. Co apoio do xefe de estudos, Isaac Valiña, e un dos profesores de Informática, Abel Crespo, do centro para ensinarlles ao alumnado a parte técnica de calibración e a instalación da cámara, Alexia xa tiña todo listo para o proxecto. O primeiro paso foi comunicarllo a Voz Natura, quen aprobou a iniciativa.
Alexia consultou con Carlos Hernáez, responsable das webcam en directo de SEO/Birdlife, quen a asesorou sobre as mellores cámaras e das dimensións da nova caixa, posto que a que estaba colocada non estaba pensada para albergar una cámara no seu interior. Así as alumnas e alumnos do IES Curtis xunto con Alexia ao fronte escolleron a mellor cámara e constuiron unha caixa adaptada para poder gravar todo o proceso de cría. O 19 de decembro do 2023 fíxose o cambio da caixa niño e Casa Grande de Xanceda subministrou a electricidade e o internet necesarias para que a cámara puidese estar activa as 24 horas e retransmitindo online en directo a través da canle de Twitch do IES de Curtis.
A partir dese día, os lagarteiros comezaron a facer visitas recorrentes á caixa. Primeiro o macho e logo a femia, pouco a pouco. A femia da parella está anelada, así que pode ser unha das polas nacidas no mesmo sitio. A nosa sorpresa foi máxima cando o día 30 de marzo entramos no Twitch IES de Curtis, como todos os días, e vimos que esa noite ás 2h da mañá a femia puxo o seu primeiro ovo. A emoción de ver ese primeiro ovo, foi indescritible!! Os cinco días seguintes foron engadindo un ovo cada día, ata sumar un total de 6 ovos, que leva incubando a femia coa axuda do macho desde o 10-11 de abril. E se facemos as contas do tempo de incubación típico desta especie, pois xa sairon de contas e xa naceron os polos de Lagarteiro de Casa Grande de Xanceda!!
Enlazamos a continuación a canle do Twitch do IES de Curtis, onde poderémos seguir todo o proceso de cría en directo.



Leave A Comment