Os primeiros Parques Nacionais europeos declaráronse en Suecia o 24 de maio do 1909, e con motivo deste recoñecemento a data foi establecida como o “Día Europeo dos Parques” pola Federación EUROPARC -organización paneuropea que reúne a institucións dedicadas á conservación da natureza e os espazos naturais protexidos- como efeméride na que celebrar e compartir coa sociedade os valores ambientais destas contornas.
E aproveitando que estamos ás portas do “Día Europeo dos Parques 2023”, convidámoste a unha nova edición “Falando de natureza”, na que nos achegaremos á historia do Parque Natural das Fragas do Eume, creado en 1997 no val inferior deste río do norte de Galicia, cun repaso ao seu pasado, unha ollada ao seu presente e unhas reflexións de cara o seu futuro, da man dos tres relatores que teremos connosco::
- Carlos Vales Vázquez – Biólogo e actual Director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA). Participou activamente na creación do Parque Natural das Fragas do Eume.
- Pedro Cruzado Díaz – Vicepresidente da Asociación para a custodia do bosque atlántico Betula, entidade que acubilla parcelas de bosque autóctono custodiadas nas Fragas do Eume. Membro da xunta reitora do Parque Natural.
- Cosme Damián Romay Cousido – Biólogo, membro e colaborador do Grupo Naturalista Hábitat, coñecedor dos valores naturais do Parque Natural das Fragas do Eume e, especialmente, da súa contorna.
O relatorio, de balde e aberto ao público, terá lugar o vindeiro martes, 23 de maio, ás 20h, cun formato de participación exclusivamente online (non se require inscrición). Poderás conectar ao directo a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito. Rematado o faladoiro daremos paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen recibidas.
Podes serguir o directo na nosa canle de Youtube:
E tamén:
Agardámoste!
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Leave A Comment